Do 7 ao 9 de xullo a segunda Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo conquistará a Alameda

Marín
04 de xullo 2023

Este luns presentábase esta festa na Adega de Ardán. A cita permitirá coñecer os viños das cinco bodegas que forman parte desta Indicación Xeográfica Protexida

Viños das adegas participantes na Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo
Viños das adegas participantes na Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo / Concello de Marín

Os amantes do viño teñen unha cita desde o venres 7 ao domingo 9 de xullo na Alameda de Marín, que acollerá a segunda edición da Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo

Durante estes días, as persoas que visiten as casetas terán a oportunidade de degustar as variedades que producen a Adega de Ardán, Videiras no Mar, Mosteiro de Poio, Os Areeiros e Reboraina, que conforman a Indicación Xeográfica Protexida.

As persoas que se acheguen polas casetas terán a oportunidade de catar as diferentes variedades desta produción vitivinícola que obtivo o selo gastronómico da Indicación Xeográfica Protexica (IXP), a través da asociación que leva en vigor desde 2018 e que en 2022 iniciou o seu percorrido de eventos en Marín coa organización da primeira festa destes viños elaborados nos concellos de Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela.

Está previsto que se sirvan copas cun prezo único e a empresa Rosa de los Vientos, de Marín, encargarase dos elementos culinarios con arroz con polbo, croquetas, polbo á feira e tamén ao estilo Ons con patacas, entre outras opcións gastronómicas.