"¡Aquí huele mucho a pescado!"
Foi o que notaron os alumnos de Educación Infantil do Colexio Sagrado Corazón nada máis chegar ao restaurante Casa Solla.
E é que unha das primeiras estancias que coñeceron, máis aló do comedor do establecemento, foi o cuarto frío da cociña. Alí onde Pepe Solla e o seu equipo almacenan a mercadoría en fresco que reciben dos seus provedores.
"Justo nos acaban de traer el pescado y esas setas que veis allí", explicaba o cociñeiro pontevedrés aos seus invitados que, a como calquera neno da súa idade, acumulábanselles miles de preguntas a medida que ían coñecendo as instalacións do restaurante.
Tamén os fornos, todos eles de gran tamaño, chamaron a atención dos alumnos do Sagrado Corazón porque "esto no cabe en mi casa", afirmaba máis dun. "En la mía tampoco", respondeu entre risas Pepe Solla.
Pero, sen dúbida, cando o cociñeiro pontevedrés captou a atención da súa nova audiencia foi ao anunciar que lles ía a ensinar a facer as súas propias e deliciosas piruletas de chocolate branco con pistachos.
Coa advertencia de que, se querían facelo en casa, o chocolate só debían quentalo os seus pais, Solla comezou a elaboración de tan suculento agasallo baixo a atenta mirada dos seus curiosos aprendices. Tras darlle forma ao chocolate e as muescas de pistacho coa axuda de dúas láminas de plástico, o frío fixo o resto convertendo todo nunha saborosa piruleta.
Iso si, con elas na man, foi difícil que aguantasen sen comela ata facerse a foto de rigor antes de marchar.
A visita a Casa Solla forma parte dunha actividade na que estes nenos, duns tres anos, estiveron traballando en clase durante este segundo trimestre. Nela, aproximáronse aos alimentos e aos seus diferentes tipos de preparación.
En agradecemento a Pepe e ao seu equipo, o colexio obsequiouno cun pequeno detalle realizado polos nenos, un mandil coas mans dos pequenos.