Doce anos de prisión, a prohibición de comunicarse coa vítima durante 26 anos e a instalación dun dispositivo de control telemático para o seu cumprimento. Esa é a pena que deberá cumprir un home que no ano 2018 tentou matar a súa ex parella no Grove disparándolle en dúas ocasións.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgou este home e decidiu condenalo como autor dos delitos de tentativa de asasinato, de malos tratos habituais, de quebrantamento de condena e de tenza de armas prohibidas.
O acusado e a súa vítima mantiveron unha relación durante 25 anos e segundo a Audiencia, tentou matala "tras os reiterados rexeitamentos e negativas ás súas peticións de perdón e de renovar a relación sentimental, consciente de que a ruptura era definitiva".
O tribunal considera probado que o acusado someteu á súa vítima, "case desde o inicio da súa relación e, en maior medida, desde o ano 2015", sempre no domicilio común e en presenza da filla de ambos, "a continuas humillacións e menosprezos, iniciando constantes disputas relativas ás decisións domésticas, persoais e á educación da filla en común, nas que lle gritaba e insultaba".
A sentencia salienta que "a controlaba cunha actitude sumamente celosa e violenta". Así, sinala que rompía os efectos domésticos, a empuxaba, a collía polo pescozo e lle propinaba golpes e labazadas.
Segundo as maxistradas, "vulneraba a súa personalidade e a súa autoestima, conseguindo crear un clima de terror para que acatase todas as súas decisións, dobregando a súa vontade, anulada polo profundo medo que a súa parella lle infundía polo seu carácter violento e dominante".
A resolución tamén conclúe que o acusado incumpriu as penas de prohibición de aproximación e de comunicación que lle impuxeron a partir do mes de novembro de 2018, "sen importarlle a ineficacia da resolución xudicial que as impoñía".
Nunha desas ocasións, o 5 de decembro de 2018, segundo relatan no fallo, foi ao domicilio da súa ex parella, a pesar da existencia da pena de afastamento que llo prohibía, esperou a súa chegada, sobre as 11:30 horas, e entrou na vivenda "coa decidida vontade de acabar coa súa vida, consciente de que a ruptura era definitiva".
Foi á habitación onde a vítima estaba deitada e, brandindo un coitelo de cociña, "recriminoulle que o denunciase e anuncioulle a morte", chegando a poñerse sobre ela e a colocarlle un coitelo no pescozo en repetidas ocasións.
Acto seguido, saíu da habitación, pechou a porta da vivenda con chave, baixou as persianas de toda a casa, e, por sorpresa, "abalanzouse sobre ela e golpeouna co canón dun revolver no lado dereito da cara e lle disparou, sen perforarlle, porque a vítima lle golpeou a man e desviou o tiro, conseguindo que a munición só lle rabuñase a meixela".
A continuación, "tentou poñerlle a pistola na sen e disparoulle de novo, conseguindo a muller, co seu forcexo, que o tiro a alcanzase no lado dereito do pescozo".
A denunciante quedou na cama finxindo estar inconsciente e o procesado disparouse a si mesmo, circunstancia que aproveitou a vítima para saír da habitación, pero non do seu domicilio porque o condenado pechara a porta "para asegurar a culminación da súa intención de matala e que ela non puidese escapar", polo que pediu auxilio pola xanela.
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG e inclúe o pagamento dunha indemnización de 100.000 euros, dos cales 43.000 euros son en concepto de dano moral.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.