Un total de 12 empresas presentaron ofertas para acometer as obras do proxecto de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra, unha actuación que busca unha intermodalidade real entre a estación de autobuses e a de ferrocarril.
O proxecto, que conta cun investimento de 3,4 millóns de euros, suporá unha conexión peonil entre ambas as estascións, humanizará a praza e reordenará o aparcadoiro. As obras tamén permitirán acometer o novo acceso desde a rúa Josefina Arruti, para a entrada e saída directa dos autobuses; e adecuarán a contorna do río Gafos.
A conexión entre estacións será máis sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.
O proxecto tamén inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.
Este proxecto forma parte dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros e contempla dous proxectos diferentes: a adecuación para a intermodalidade do conxunto das dúas estacións e a reforma do edificio da actual estación de autobuses.
A Xunta prevé que a finais deste ano estarán a pleno rendemento as obras das dúas actuacións para poder ter o conxunto intermodal rematado no segundo semestre do ano 2020.