Doce escolares de Ponte Sampaio reciben o "carné de ciberexperto"

Pontevedra
28 de abril 2022

A subdelegada do Goberno en Pontevedra facía entrega este xoves do "carné de ciberexperto" aos 12 escolares do CEIP de Ponte Sampaio de Pontevedra que superaron as accións formativas sobre a ciberseguridade enmarcadas no Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos 2021-2022

Maica Larriba e os escolares do CEIP de Ponte Sampaio que obtiveron o "carné de ciberexperto"
Maica Larriba e os escolares do CEIP de Ponte Sampaio que obtiveron o "carné de ciberexperto"

A subdelegada do Goberno en Pontevedra facía entrega este xoves do "carné de ciberexperto" aos 12 escolares do CEIP de Ponte Sampaio de Pontevedra que superaron as accións formativas sobre a ciberseguridade enmarcadas no Plan Director para a Convivencia nos Centros Educativos 2021-2022.

No transcurso do acto a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, subliñou a importancia de concienciar os menores sobre a súa propia seguridade en internet e fixo fincapé sobre a necesidade de ofrecerlles a formación e as ferramentas necesarias para que naveguen pola rede de maneira responsable.

Entre a formación que se lle ofreceu aos estudantes, os axentes do Corpo Nacional de Policía explican que nas redes sociais se debe manter sempre unha actitude responsable cara os demais, evitando acosar a outros compañeiros ou difundir fotografías deles sen o seu consentimento.

Dentro do Plan Director tamén se imparten charlas aos pais e educadores con mensaxes máis directas sobre os delitos que se cometen contra os menores en internet e outros perigos para existentes nas redes. A subdelegada do Goberno incidiu en que estas iniciativas son fundamentais para previr os delitos con maior incidencia no ámbito escolar como son o "ciberbullying", o "grooming" ou o "sexting".

Maica Larriba fixo a entrega dos distintivos na compaña do comisario provincial en funcións, Juan José Díaz, e do responsable do Plan Director da comisaría provincial de Pontevedra, Roberto Carrera.

A subdelegada agradeceu a implicación da Policía Nacional neste traballo así como o do claustro do colexio por desenvolver "un curso que lles garante aos participantes saber navegar de maneira segura por internet, evitando colaborar no ciberacoso aos seus propios amigos e compañeiros", manifestaba.

Ao mesmo tempo, Larriba deulles os parabéns a todos os nenos e nenas que recibiron o "carné de ciberexperto" e animounos a poñer en práctica todo o aprendido e a ser "embaixadores, especialmente entre as persoas maiores, do bo uso de internet e das redes sociais".

No que vai de ano participaron nas accións formativas ofrecidas pola Policía Nacional do Plan Director un total de 4.870 alumnos, 255 profesores e 37 pais da provincia. Así mesmo, desde xaneiro ata marzo ofrecéronse 215 charlas informativas.