Doce horas no vestíbulo do Hospital para amosar a oposición ao peche de camas no verán

Pontevedra
08 de maio 2018

Representantes sindicais da Xunta de Persoal manteñen un peche desde as 10.00 ata as 22.00 horas deste martes 8 de maio reclamando información á xerencia sobre que departamentos dos hospitais de Pontevedra van pecharse a partir de xuño

Encerro no vestíbulo do Hospital Provincial polo peche de camas Mónica Patxot

Representantes sindicais da Xunta de Persoal dos hospitais públicos de Pontevedra encerráronse este martes no vestíbulo do Hospital Provincial para manifestar a súa oposición ao peche de camas que a xerencia estuda para este verán. O encerro comezou ás 10.00 para rematar ás 22.00 horas.

Trátase do segundo acto de protesta que a Xunta de Persoal leva a cabo durante esta semana, despois de protagonizar este luns dúas concentracións, no Provincial e Montecelo, reclamando información ao Sergas sobre os departamentos que ten previsto deixar sen actividade en ambos os centros a partir de xuño.

A presidenta da Xunta de Persoal, Emma Rodríguez e o secretario Jorge Castelo atopábanse á fronte da protesta. Ambos esperan que o xerente José Ramón Gómez ofreza no encontro que vai manter coa Xunta de Persoal este xoves as cifras exactas das camas que se van a pechar.

Nunha reunión previa, o xerente evitou ofrecer estes datos alegando que o Sergas non lle autorizaba a facilitarllos aos representantes dos traballadores, a pesar de que xa se está trasladando á persoal información sobre os cambios previstos para os próximos meses por este motivo. 

O encontro cos membros da xerencia conta con máis de cincuenta puntos na orde do día, afirman os representantes sindicais, debido á cantidade de temas pendentes de resolución. 

Emma Rodríguez e Jorge Castelo afirman o malestar que existe, principalmente, entre persoal médico e de enfermería. Entre outros factores, sinalan que ata hai un ano se establecían tres meses para organizar as quendas de vacacións e para este 2018 a xerencia, de maneira unilateral, decidiu ampliar esta rotación ao mes de xuño.

Apuntan tamén a que os profesionais sanitarios galegos non están a ser valorados polo Sergas e, por este motivo, os máis novos emigran en busca de estabilidade no emprego a países de Europa do norte, onde atopan mellores condicións laborais e salariais.