Doce países presentarán os seus mellores pratos na Festa do Emigrante

Ponte Caldelas
05 de xullo 2022

O evento está previsto desde o venres 8 ata o domingo 10 na Alameda de Ponte Caldelas coa previsión de asistencia de milleiros de persoas. Cada posto ofrecerá un prato e bebida a un prezo de seis euros e cada un dos hosteleiros participantes ofrecerá propostas gastronómicas típicas do seu lugar de orixe

Celebración da Festa Gastronómica do Emigrante na Alameda de Ponte Caldelas
Celebración da Festa Gastronómica do Emigrante na Alameda de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A partir da noite deste venres 8, Ponte Caldelas celebrará unha das súas citas gastronómicas máis características. Aos longo de tres días, a Alameda converterase no escenario da Festa do Emigrante, un evento no que está prevista a presenza de miles de asistentes.

Nos postos estarán representados doce países: Brasil, México, Venezuela, Uruguai, Cuba, Bélxica, Alemaña, Grecia, Italia, Portugal, Ucraína e España. Cada un dos hostaleiros participantes preparará un prato e bebida propia do país a un prezo de seis euros. Ademais tamén ofrecerán outras ofertas culinarias típicas a prezos de mercado.

Nesta quinta edición ofreceranse produtos durante a noite do venres; durante o mediodía e a noite do sábado; e finalizará o domingo cun servizo de comida. Tamén van instalarse postos de panadería.

Na anterior edición celebrada, correspondente a 2019, despacháronse máis de 20.000 pratos, segundo indica o alcalde Andrés Díaz. Ademais, desde o Concello destacan o numeroso público que acode a esta cita axudando a promover o comercio local e a hostalería durante estas xornadas. Sinalan que é o evento gastronómico máis multitudinario da comarca.