Domingo de mobilización pola creación dunha vía verde entre Pontevedra e Vigo

Pontevedra
16 de setembro 2018

As asociacións ciclistas Pedaladas de Pontevedra e A golpe de Pedal Vigo e a Asociación Salinas do Ulló de Vilaboa realizaron este domingo marchas de protesta que confluíron en Arcade para demandar unha vía verde que aproveite as vías do tren en desuso e os camiños xa existentes

Marcha de protesta de Pedaladas pola creación dunha vía verde Pontevedra-Vigo
Marcha de protesta de Pedaladas pola creación dunha vía verde Pontevedra-Vigo / Diego Torrado

Coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, as asociacións ciclistas Pedaladas de Pontevedra e A golpe de Pedal Vigo e a Asociación Salinas do Ulló de Vilaboa realizaron este domingo senllas marchas de protesta para demandar a creación dunha vía verde que unha Pontevedra e Vigo.

É a terceira vez que estas asociacións mobilízanse, con protestas que partiron desde tres puntos para confluír en Arcade.

Así Pedaladas protagonizou unha ruta en bicicleta que partiu ás 10:00 horas da mañá desde a Praza de España de Pontevedra, A Golpe de Pedal fixo o propio desde a Porta do Sol de Vigo ás 9:00 horas e Salinas do Ulló de Vilaboa convocou unha ruta a pé de 5 quilómetros polas vías do tren entre Arcade e Figueirido tras a concentración prevista ás 11:30 horas.

O proxecto que todos reclaman é a creación dunha gran senda verde entre Pontevedra, Redondela e Vigo aproveitando o trazado das vías do tren en desuso e camiños e estradas secundarias.

A esperanza das asociacións, que co cambio de goberno e a substitución en postos de mando de ADIF e de Fomento ábrase a porta a que o ministerio desbloquee a desafección do tramo entre Pontevedra e Ponte Sampaio.

O resto de percorrido atópase máis avanzado, xa que os terreos do tramo entre Redondela e Vigo foron cedidos aos concellos, e Vigo atópase en fase de redacción e aprobación dos proxectos para os seus tramos de vía verde.