Domingo Fontán pecha o luns para renovar todos os servizos da rúa

Pontevedra
20 de outubro 2019

A medida afectará ao tráfico. Pecharase o carril entre a Ponte das Correntes e a Ponte do Burgo (e nesa dirección), aínda que os residentes poderán acceder até Martín Códax

Avenida de Domingo Fontán
Avenida de Domingo Fontán

Este luns 21 de outubro iníciase unha nova fase dos traballos da ponte do Burgo que incluirá a renovación de todos os servizos na avenida de Domingo Fontán, no treito comprendido entre Martín Códax e a avenida da Coruña. Esta fase da obra suporá o peche dun dos carrís de Domingo Fontán, entre a ponte das Correntes e avenida de Compostela e nesa dirección.

As fases previstas na execución da obra van realizándose dentro dos prazos previstos e, toda vez rematada a cabeceira sur, preparado o taboleiro para instalar a varanda e posto en marcha todo o traballo na cabeceira norte, a seguinte fase suporá "o traballo gordo de renovación de servizos que se vai facer nesta obra", segundo explicou esta semana o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.

O proxecto consiste en repoñer todos os servizos que hai na rúa: a rede de fecais, pluviais, subministro de auga, rede semafórica, rede de comunicación e rede eléctrica e de alumeado público.

A principal novidade radica na técnica que se utilizará na renovación da rede xeral de subministro de auga aos concellos da ría, que en vez de facerse abrindo unha gabia e cambiando as canalizacións, realizarase a través dun 'encamisado', unha técnica que se utilizará por primeira vez en Pontevedra.

Esta decisión chega despois dunha proposta da empresa que está a executar a obra, E.C. Casas, froito dun labor de investigación da propia empresa e dunha avaliación exhaustiva por parte dos servizos técnicos municipais para determinar a súa eficacia.

Esta proposta técnica, moito menos agresiva que instalar un tubo novo, consiste en abrir un pozo de entrada e outro de saída para inserir por dentro dun tubo de fibrocemento FC 600 milímetros, un tubo de polietileno de 560 milímetros que vai soldado por termofusión, utilizando o sistema Relining ou entubado interior mediante tiro ou empuxe.

PLAN DE TRÁFICO

A renovación da rede de subministro de auga con esta técnica novidosa evita que teña que cortarse ao tráfico a totalidade da avenida Domingo Fontán. O peche só afectará a un dos carrís de circulación entre a ponte das Correntes e a ponte do Burgo. Cortarase o carril dereito para todo o tráfico agás residentes e servizos e cortarase para todo tipo de tráfico desde Martín Códax.

O sentido de circulación establecerase desde a ponte do Burgo cara a ponte das Correntes (dirección Poio). En sentido inverso, o tráfico será desviado desde a ponte das Correntes cara o centro da cidade.