O Partido Popular denunciou este mércores unha serie de contratos "a dedo" e alleos a "todo concurso público" que o Concello de Pontevedra fixo con "familiares y afines" ao BNG. Esta actuación, segundo Rafa Domínguez, demostra o seu "clientelismo" e o seu "nepotismo".
"El BNG tiene poco cuidado con el dinero de todos los pontevedreses", sinalou Domínguez, que advertiu que os populares "no vamos a permitir" que este tipo de contratacións menores, que permite a lei, se utilicen "para favorecer a los suyos".
Entre os contratos denunciados polo PP atópanse acordos con entidades "intimamente relacionadas" co BNG como Galiza Nova ou a Fundación Galiza Sempre.
O líder dos populares lamenta que desde o goberno municipal de Pontevedra estea a "financiarse una rama política de un partido".
Ademais, Rafa Domínguez censurou que entre as actuacións das Festas de Verán, máis de 300 segundo o Concello, se contrataran tres grupos nos que actúan familiares de concelleiros do BNG, La casa de los ingleses e Onte e Hoxe, ou mesmo un edil, Maravallada.
"Es bochornoso. No disimulan a la hora de hacer contratos con sus amigos y compañeros de partido", sinalou o portavoz do PP en Pontevedra, que lamentou a "falta de ética" do á nacionalista do goberno municipal.
Aínda que recoñece que todos estes contratos son legais, Domínguez sinala que o problema "no es la cuantía en sí" senón a "ausencia de ética y moralidad" no uso do diñeiro público.
O BNG VE COMPORTAMENTOS " POUCO ÉTICOS" NO PP
A este respecto, a concelleira Carme da Silva asegurou que "quen demostra un comportamento pouco ético é o PP", xa que reiterou que estes contratos "son legais" e foron avalados polos técnicos municipais mediante procedementos "regrados".
Da Silva defendeu que durante o verán "se contratou a todo o mundo" para inxectar diñeiro nun sector cultural "que o estaba a pasar francamente mal" e priorizouse para iso a contratación de grupos de Pontevedra.
A edil explicou que os máis de 300 grupos e compañías contratadas fixeron un "esforzo enorme" por sobrevivir á crise xerada pola pandemia "e non se merecen este tipo de descualificacións" por parte do Partido Popular.
Ademais, avanzou que o Concello "fixo e vai seguir facendo" este tipo de contratacións para que estas agrupacións culturais "teñan unha posibilidade para non saír arruinadas da situación na que estamos".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.