Domínguez pedirá no pleno un debate anual sobre o estado do municipio

Pontevedra
19 de xaneiro 2023

O presidente local do Partido Popular levará esta moción ao pleno de febreiro. Entende que Pontevedra "se está a converter nunha cidade dormitorio" con perda de peso económico e social. Anuncia que a vindeira semana presentará medidas que considera necesarias para atraer recursos

Rafa Domínguez, presidente local do PP
Rafa Domínguez, presidente local do PP / PontevedraViva

Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, presentará no pleno de febreiro unha moción na que solicitará a recuperación do debate sobre o estado do municipio.

Esta petición, segundo explicaba este xoves, débese á perda de "importancia social, influencia na nosa contorna e capacidade económica" de Pontevedra durante os últimos 24 anos.

Segundo os datos que manexa, o líder popular sinala que a taxa de desemprego en Pontevedra, xunto con Ferrol, é a máis elevada das sete cidades galegas liderando o paro feminino e xuvenil.

Asegura que o municipio se atopa en declive económico coa perda de máis de 400 residentes durante os últimos dous anos e sinala que a "xente se ten que ir traballar fóra da cidade". Acusa o alcalde Fernández Lores de ser belixerante coas empresas.

Advirte de que en Pontevedra non se instalaron grandes empresas nos últimos 24 anos. "Sen ir máis lonxe, onte vimos como de novo unha multinacional decide pechar a súa filial na nosa cidade e levar aos traballadores a Vigo", argumentou Domínguez facendo referencia ao anuncio do grupo Inditex de pechar a finais deste mes as súas tendas da marca Bershka en Pontevedra e en Vilagarcía de Arousa.

"Pontevedra está a converterse nunha cidade dormitorio. A xente pode querer vivir aquí pero non ten capacidade de traballar nin de estudar aquí. E é unha pena", sentenciou o portavoz dos populares. Avanzou que a próxima semana comezarán a presentar propostas "da Pontevedra que queremos".

Domínguez insistiu en que "non vai ser fácil reverter" a situación actual e denuncia que "cada semana pérdense centros de decisión" na cidade". As súas propostas irán dirixidas a que Pontevedra sexa un exemplo económico e un centro de influencia.