Na execución das obras do novo vial de acceso ao hospital de Montecelo, segundo o portavoz do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, cometeuse un "erro moi grave". Foi o de deixar aos propietarios dos terreos sen posibilidade de acceder ás súas leiras particulares.
Os afectados levan advertindo desde 2021 dos riscos que supoñerían para a seguridade das persoas os defectos no trazado dos viais, a eliminación dos accesos ás leiras e os desniveis dun a tres metros de altura nalgunhas zonas.
Domínguez lamentou que o goberno municipal "ignorara" todas as peticións veciñais, que se opoñen a uns terrapléns que deixan as súas leiras a un nivel máis baixo da estrada, "infravalorando os seus terreos e causando a devastación definitiva dos mesmos".
Neste sentido, o líder dos populares advirte de que, nunha situación de urxencia como podería ser un incendio nas inmediacións de Montecelo, "existiría maior risco e dificultade para apagar o lume" se os terreos están illados e inutilizados polos seus propietarios.
Ademais, aos afectados preocúpalles tamén os posibles episodios de riadas e inundacións que se poidan producir durante o inverno.
Ante a "falta de vontade política" do Concello, Domínguez avoga por unha "solución consensuada" coa Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e os propios veciños afectados "para que poidan acceder ás súas leiras despois desta mala planificación".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.