Para o PP, a suspensión este ano do certame Pontedetapas, confirmada este luns polo Concello, é un "síntoma evidente" da "debilidade" do goberno municipal. Ao estar en minoría, sostén Rafa Domínguez, é "incapaz de traballar en tempo e forma".
A decisión do Concello, segundo o portavoz popular, "prexudica aos pontevedreses" que gozaban deste evento, pero sobre todo á hostalería, porque era un "recurso económico extra" que tiñan, tradicionalmente nun mes frouxo para o sector, como é novembro.
Domínguez afirma que o BNG, con nove concelleiros dos 25 que integran a corporación municipal, "non son capaces de facelo todo".
Ademais, sostén que a cancelación de Pontedetapas, "ademais dunha mala noticia para Pontevedra", é unha demostración do "desprezo absoluto de Lores" cara ás iniciativas do PSOE, "que seguen e seguirán sendo humillados polos seus ex socios".
O líder do PP pontevedrés asegura que o goberno municipal "mente" cando achaca esta medida á falta de recursos económicos porque, co apoio dos socialistas, sacaron adiante dúas modificacións de crédito.
Nelas, segundo Rafa Domínguez, púidose xerar unha partida orzamentaria para poder celebrar a edición prevista de Pontedetapas.