Dous anos de cárcere e o pago de multas por valor de 1.856.380 euros. Esta é a condena que cumprirán cada un dos seis homes que este luns foron xulgados na Audiencia Provincial da Coruña por tentar introducir no porto de Marín droga procedente de Colombia a través de contedores de conservas de atún.
Nesta causa están acusadas sete persoas, pero uno deles atópase en rebeldía. Os outros seis sentaron este luns no banco dos acusados da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña e alcanzaron un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que, tras confesarse culpables, viron reducida a súa condena. A petición inicial supoñía de nove a once anos de prisión por cabeza.
Para aplicar esta redución de condena, segundo informa a Axencia Efe, a Fiscalía atribúelles a circunstancia atenuante moi cualificada de dilacións indebidas, pois os feitos ocorreron hai preto de doce anos, entre maio e agosto do ano 2009.
Os seis recoñeceron ser autores dun delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas das que causan grave dano á saúde cualificado pola súa extrema gravidade.
Segundo o relato de feitos que os seis aceptaron, en maio de 2009, dous procesados veciños de Ferrol e un residente en Sanxenxo "decidiron asociarse entre si e con outras persoas" para "deseñar, financiar e executar a importación de Colombia a España da maior cantidade de cocaína que fosen capaces de xestionar".
Para poder organizar a operación, mantiveron reunións en Vilagarcía, Ferrol e A Illa de Arousa con emisarios enviados por dous vendedores colombianos -un deles é o acusado que nestes momentos atópase en rebeldía nesta causa.
Os donos da droga supostamente seleccionaron como medio de transporte un buque que habería de partir do porto ecuatoriano de Manta con destino ao porto de Marín para transportar 23 contedores cargados de atún. Aproveitando unha das escalas do barco en Colombia, introduciron a droga. Unha vez en Marín, había un veciño de Vigo que debía encargarse da función de localizar o contedor á súa chegada a porto e encargarse de extraer a droga.
O buque partiu de Ecuador o 5 de agosto de 2009 e fixo parada no porto colombiano de Buenaventura para cargar a droga, pero nunca chegou a Marín porque na súa seguinte escala, no porto de Cartaxena de Indias, o contedor foi interceptado pola policía, que confirmou que os paquetes contiñan un total de 227,60 quilos de cocaína, cunha pureza do 83,78 %.
A cocaína incautada en Colombia que os procesados pretendían distribuír en España alcanzaría no mercado ilícito no segundo semestre de 2009 un prezo de 7.425.521,40 euros na súa venda por xunto e de 32.268.053,20 euros na súa venda por dose.