A UNED de Pontevedra reforza a súa oferta formativa na primavera con dous cursos centrados en cuestións de forte impacto social: a igualdade de xénero e a educación nutricional baseada na evidencia científica.
O primeiro deles, titulado "Novas masculinidades: 'Desmontando ao Superheroe'. Homes ante o espello da Igualdade", celebrarase entre o 20 de abril e o 4 de maio en formato presencial e online.
A proposta convida a revisar críticamente os modelos tradicionais de masculinidade, especialmente o denominado "mito do superheroe", asociado a valores como a invulnerabilidade ou o dominio, que, segundo expoñen os organizadores, están na base de distintas formas de desigualdade.
Coordinado por Rafael Cotelo Pazos e impartido pola xornalista e axente de igualdade Lorena Cochón, o curso estrutúrase en catro sesións que abordan desde a construción cultural da masculinidade até a promoción de modelos alternativos máis igualitarios.
Entre os seus obxectivos figuran a implicación activa dos homes na prevención da violencia machista, a corresponsabilidade nos coidados e o desenvolvemento dunha xestión emocional máis empática.
En paralelo, a UNED pon en marcha o curso "Nutrición baseada na evidencia: como identificar mitos e realidades na alimentación actual", que se desenvolverá do 13 de abril ao 18 de maio.
Tamén en modalidade mixta, a iniciativa busca ofrecer ferramentas para distinguir a información científica das mensaxes enganosas sobre alimentación, cada vez máis presentes en redes sociais e publicidade.
Dirixido por Héctor Cousido Núñez e coordinado igualmente por Cotelo, o programa contará coa docencia do dietista-nutricionista Antonio González Pardo.
Durante as súas sesións abordaranse cuestións como a interpretación de etiquetas, a análise de dietas de moda ou a planificación de hábitos saudables adaptados a cada persoa.
Ambas as propostas, abertas a estudantes e público xeral, comparten o mesmo enfoque de trasladar coñecemento académico á vida cotiá.
Con elas, a UNED de Pontevedra consolida a súa aposta pola formación continua e por xerar espazos de reflexión crítica sobre retos sociais actuais.