Dous detidos por unha brutal agresión na que resultaron feridos graves o dono dun local de Aguete e a súa nai

Marín
02 de marzo 2025
Actualizado: 19:46

Están acusados dos delitos de lesións, resistencia, danos, furto e estafa. Agrediron ao dono do local e á súa nai e logo resistíronse á detención e danaron un coche da Policía Nacional

Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra Mónica Patxot

Dous homes permanecen detidos nos calabozos da Policía Nacional como presuntos responsables dunha brutal agresión no local Los 3 Monos de Aguete, en Marín.

Fontes oficiais confirman que se lles atribúen os delitos de lesións, resistencia á autoridade, danos, furto e estafa.

Como consecuencia da súa brutal agresión, resultaron feridas graves dúas persoas, o propietario do local e a súa nai. Segundo puido saber este xornal, á muller causáronlle fracturas nas dúas mans e provocáronlle unha grave lesión na cabeza cun vaso e ao home rompéronlle varias costelas.

Os dous sospeitosos agrediron a estas dúas persoas e tamén causaron danos no local.

Ademais, cando a Policía Nacional chegou ao local para actuar, resistíronse, por iso é polo que se lles atribúe o delito de resistencia. Logo, causaron danos nun coche patrulla, ao que romperon un portelo.

Os feitos ocorreron na noite do sábado, 1 de marzo, neste coñecido local de Aguete e está previsto que os detidos sexan postos a disposición xudicial o luns.

Segundo a información á que tivo acceso PontevedraViva, estes mesmos individuos xa tiveran problemas noutro local de Marín na tarde do sábado. Nese negocio, subtraeron un cartón de crédito e logo pagaron con el.

Horas máis tarde, protagonizaron este incidente en Aguete. Segundo indicaron testemuñas dos feitos, levaban xa horas no local cando protagonizaron este grave inciente. Estiveran bebendo alcol e finalmente enfrontáronse ao responsable e á súa nai, que saíu na súa defensa.