Dous falecidos por coronavirus o mesmo día na área sanitaria, que suma cinco vítimas mortais

Pontevedra
26 de marzo 2020

Un home de 74 anos faleceu pola mañá e pola tarde contabilizouse a morte dun paciente de 81. Os dous tiñan patoloxías previas e estaban hospitalizados e illados, o primeiro en Montecelo e o segundo no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez de Pontevedra

Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez
Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez / Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma este xoves dous novos falecementos por coronavirus. Un home de 74 anos faleceu pola mañá e pola tarde contabilizouse a morte dun paciente de 81. 

Con estes dous novos falecementos, o total de vítimas mortais que deixou o  Covid-19 na área sanitaria ascende a cinco, o primeiro o sábado 14 de marzo e dous nesta luctuosa xornada do 26 de marzo

En canto ao último falecido, trátase dun home de 81 anos que tiña patoloxías previas e permanecía, tras o seu diagnóstico por coronavirus, hospitalizado e illado no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

A cuarta vítima, dada a coñecer á primeira hora deste xoves, foi un home de 74 anos que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo e que,  igualmente, era un paciente con patoloxías previas ao coronavirus.

Ata o de agora, faleceron na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés cinco homes, dous deles ingresado no Hospital  Quironsalud Miguel Domínguez e os outros tres en Montecelo. Dous tiñan 81 anos, outros dous contabilizaban 74 e outro tiña 72.

Segundo a última actualización de datos da Consellería de Sanidade, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabilizáronse desde o inicio da incidencia sanitaria do coronavirus ata este xoves un total de 222 casos positivos, dos que 74 están ingresados, 64 hospitalizados en planta e 10 na UCI.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.