Dous 'stolpersteine' ou lastros de memoria lembrarán en Bueu os dous veciños deste municipio que foron asasinados nos campos de concentración nazis, José Ferradás Pastoriza e Manuel Rey Cruz.
O acto de colocación destes lastros terá lugar o próximo 30 de maio xunto ao monumento en memoria de Johan Carballeira, na Banda do Río, segundo informaron o Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira.
O goberno municipal solicitara a Alemaña hai un ano contar con dous destes 'stolpersteine' tras un acordo plenario que se aprobou por unanimidade de toda a corporación.
"É importante que non esquezamos e que sigamos facendo avances para a recuperación da memoria", explicou a concelleira de Cultura, Carmen García.
Os lastros, deseñados polo artista alemán Gunter Demnig, serán colocados, segundo García, nun espazo no que xa conflúe a memoria do alcalde de Bueu durante a República e que foi asasinado polo franquismo.
No acto participarán os familiares dos dous asasinados, que estiveron nos campos de Mauthausen-Gusen ao longo de varios meses de 1941 até a súa morte.
Posteriormente, e para dar a coñecer o que foi o paso dos galegos nos campos de concentración, a historiadora María Torres impartirá unha conferencia.
Os veciños de Bueu asasinados polos nazis foron José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1941; e Manuel Rey Cruz, veciño da Graña, que morreu o 20 de maio de 1941.
José González Ferradás, tío do primeiro deles, relatou que era un mariñeiro sindicalista ao que lle interesaba moito a política e que estivo implicado durante a República.
Tras fuxir da súa vivenda, a familia soubo posteriormente que estivera en Francia e despois como soldado traballador ata que os alemáns puxeron a todos os españois o símbolo de apátridas e enviáronos ao campo de Mauthausen-Gusen.
En canto a Manuel Rey Cruz, o seu avó traballaba na pesca en Alxeciras e desde o golpe de estado enrolouse nun barco desde o Mediterráneo até Francia, onde foi acollido por unha familia ata que lle levaron para o campo de concentración.