Dous millóns para que Sanxenxo atraia turistas os 365 días do ano

Sanxenxo
16 de xuño 2022

Ata dous millóns de euros recibirá Sanxenxo para executar o seu plan de sustentabilidade turística, que ten como obxectivo desestacionalizar a chegada de visitantes e promover o municipio como destino os 365 días do ano. Este programa será financiado polos fondos europeos Next Generation

Praia da Lanzada Mónica Patxot

Ata dous millóns de euros recibirá Sanxenxo para executar o seu plan de sustentabilidade turística, que ten como obxectivo desestacionalizar a chegada de visitantes e promover o municipio como destino os 365 días do ano.

Este programa, que será financiado polos fondos europeos Next Generation, no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia, vén de ser autorizado pola Xunta de Galicia.

O proxecto engloba, entre outras actuacións, o acondicionamento no acceso, a mellora paisaxística, a dotación ecoeficiente e a museografía dixital e equipamento no centro de interpretación de A Telleira, en Vilalonga.

Ademais, inclúense unha nova senda entre a Fianteira e Os Pasales ou a mellora do entorno, a dotación ecoeficiente e dixital do Pazo de Quintáns, en Noalla, no que se pretende habilitar un centro de interpretación. 

O plan presentado por Sanxenxo, denominado "Sanxenxo 365 días", xa fora aprobado polo Goberno central na conferencia sectorial de turismo celebrada o pasado mes de decembro.

Esta iniciativa nace, segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para avanzar na sustentabilidade dun destino considerado "maduro" e que, tras conseguir unha alta ocupación nos meses centrais do ano, busca "alongar esta demanda durante todos os meses".