Dous proxectos da ría de Pontevedra, recoñecidos polas súas boas prácticas en igualdade

Pontevedra
17 de xuño 2020

Unha guía elaborada pola Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero incluíu dous proxectos desenvolvidos na ría de Pontevedra como exemplos de boas prácticas emprendedoras promovidas por mulleres do sector en materia de igualdade

Encontro das mulleres do mar de Candieira
Encontro das mulleres do mar de Candieira / Candieira

Unha guía elaborada pola Red Española de Mujeres en el Sector Pesquero incluíu dous proxectos desenvolvidos na ría de Pontevedra como exemplos de boas prácticas emprendedoras promovidas por mulleres do sector en materia de igualdade.

Ambas iniciativas, que foron financiadas polo Grupo de Acción Local Pesquero (GALP) Ría de Pontevedra, destacaron nos seus respectivos ámbitos polo seu carácter innovador e sostible, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego ou pola dinamización que fan do territorio. 

O proxecto de Frigoríficos Rosa de los Vientos, empresa afincada no porto de Marín, foi elixido na categoría de proxectos produtivos de carácter empresarial, promovidos ou altamente participados por mulleres.

O traballo da empresa frigorífica destaca pola súa capacidade de creación de emprego, a diversificación das actividades produtivas, o impacto e a eficacia nos resultados e a innovación. 

O proxecto naceu da necesidade de mellorar e modernizar as instalación e equipamento da empresa, así como de valorizar os produtos e subprodutos da pesca artesanal.

Adquiríronse equipos e maquinaria punteira que permitiron aumentar a capacidade de produción e a calidade do envasado. Creouse, ademais, unha nova liña de produción de cefalópodos procedentes da flota artesanal mediante a adhesión ao selo PescadeRías.

Como iniciativa que non persegue a rendibilidade económica senón un impacto positivo para as mulleres do sector en diferentes ámbitos, seleccionouse o proxecto cooperativo Candieira impulsado polo GALP Ría de Pontevedra.

A Candieira foi unha rede colaborativa para a promoción da igualdade das mulleres do mar en Galicia mediante o impulso e o apoio ao emprendemento que se levou a cabo entre 2017 e 2018.

Baseada en dúas liñas de traballo, A Candieira apostaba polo emprendemento económico e o desenvolvemento de actividades vinculadas ao mar; e o reforzo das capacidades persoais das mulleres e o seu asociacionismo.

A finalidade do proxecto era impulsar a gobernanza, o empoderamento e o liderado das profesionais do sector.