Dous talleres inician na fotografía e na xestión de redes sociais a universitarios e profesionais

Pontevedra
08 de novembro 2021

A influencer Natalia Maquieira, responsable do blog de moda Pasoapaso, está a impartir na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o taller Creación de contidos para redes sociais. A Escola de Enxeñaría Forestal acolle o obradoiro Fotografía creativa, que imparten Graciela Vilagudín e David Cons, do estudio fotográfico La Marela

Obradoiro de Fotografía creativa
Obradoiro de Fotografía creativa / Universidade de Vigo

A influencer Natalia Maquieira, responsable do blog de moda Pasoapaso, está a impartir na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o taller Creación de contidos para redes sociais.

Neste taller abórdanse cuestións como determinar cal é a rede máis adecuada en función dos intereses e obxectivos profesionais, saber como xerar un maior fidelidade coas publicacións ou coñecer algúns trucos para triunfar en redes.

"Sen dúbida, o truco infalible é o contido de valor", salienta Maquieira, "de pouco ou nada serve calquera outro se o contido non xera algún tipo de emoción", sinala a responsable deste obradoiro, que pon tamén no foco na importancia da interacción cos seguidores. 

Con esas ideas, Maquieira propón unhas clases nas que os participantes teñan en todo o momento o seu teléfono a man, coa idea de que ir poñendo en práctica o que van aprendendo.

FOTOGRAFÍA CREATIVA

A variedade de perfís define tamén o grupo que asiste nestas semanas, na Escola de Enxeñaría Forestal, ao obradoiro Fotografía creativa, que imparten Graciela Vilagudín e David Cons, do estudio fotográfico La Marela.

Neste obradoiro de iniciación se lles achegan unhas primeiras nocións sobre tipos de obxectivos, funcionamento da cámara, diferentes modalidades de iluminación... "A idea é que saian do taller entendendo ben que é o que teñen nas mans, por que pasa o que pasa cando premen o botón da cámara", salienta Cons. 

Nese senso, inicialos nesta serie de "axustes básicos" permitiralles principalmente, sinala, que poidan "conseguir a foto que teñen na súa cabeza", aprendendo a utilizar a cámara manualmente para que non sexa esta "a que decida por eles". 

O programa de obradoiros da Aula Crea pecharase do 23 ao 26 de novembro co taller de iniciación á creación de contidos 360º Inmersión virtual en Pontevedra, que impartirá o realizador Rubén Lázaro e para o que aínda existen prazas vacantes na plataforma Campus Activo.