O dron que a Policía Local estreará no Multisport de tríatlon para captar imaxes en tempo real

Pontevedra
09 de xuño 2025

Esta non será a última incorporación técnica na Policía Local xa que en breve, ademais de novos vehículos, recibirán os primeiros "dispositivos electrónicos de control", os coñecidos como taser

Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de Pontevedra
Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra presumiu este luns da súa nova incorporación técnica. Trátase dun equipo tecnolóxico de última xeración que, segundo os responsables policiais, "axudará moito no día a día" do corpo de seguridade municipal.

Uns 15.000 euros investiu o Concello na adquisición dun dron equipado con tres cámaras con tres sensores diferentes en RGB, é dicir, visión normal, cámara térmica e dous modos de visión nocturna, que os axentes poderán empregar en todo tipo de intervencións.

Ten ademais luz infravermella para visión nocturna e un telémetro láser que serve para tomar medidas ou determinar distancias, entre outras utilidades.

A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, responsable ademais da área de seguridade cidadá, explicou que este vehículo aéreo non tripulado poderá ser usado, entre outras, en operacións de procura e rescate ao contar cunha "visión espectacular" mesmo de noite.

Permitirá ademais captar imaxes "en tempo real" de zonas pouco accesibles ou avaliar áreas afectadas por todo tipo de catástrofes como incendios, inundacións ou accidentes, axudando a que as autoridades tomen as decisións pertinentes para actuar con seguridade.

Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de Pontevedra
Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de PontevedraMónica Patxot

Outro dos usos, segundo explicaron Vilaverde e o intendente xefe da Policía Local, José Manuel Abal, será en sinistros de tráfico, non só para coordinar o operativo "sen molestar ou influír na circulación" senón tamén para poder reconstruílos para as investigacións.

A estrea deste dron, que protagonizou este luns un voo de probas na Praza de España, será no marco do Multisport de tríatlon, que se celebrará en Pontevedra entre os días 20 e 29 de xuño, que será a "proba de lume" para comprobar a súa efectividade.

Este vehículo aéreo contribuirá a garantir a seguridade dos deportistas, que terán que atravesar zonas de monte durante as carreiras, permitirá detectar aglomeracións ou mellorará a coordinación cos equipos sanitarios e de emerxencias.

Cinco axentes da Policía Local recibiron formación para poder pilotar este dron e contan xa ademais coa autorización profesional para manexalo, pero a previsión é que os efectivos que completen este proceso habilitante cheguen até os vinte.

Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de Pontevedra
Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de PontevedraMónica Patxot

Abal detallou que este dron ten unha autonomía de voo duns 45 minutos, pero a súa duración é "practicamente ilimitada" porque pode volver á base para cambiar a batería.

A distancia máxima do piloto á que pode voar é un quilómetro, aínda que podería chegar ata os dous quilómetros se un segundo controlador toma o relevo nunha posición intermedia.

Esta non será a última incorporación técnica na Policía Local xa que en breve, ademais de novos vehículos para renovar o seu parque móbil, recibirán os primeiros "dispositivos electrónicos de control", é dicir, os coñecidos como taser ou pistolas eléctricas de defensa.

Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de Pontevedra
Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de PontevedraMónica Patxot
Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de Pontevedra
Dron adquirido polo Concello para a Polícía Local de PontevedraMónica Patxot

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora