As máis importantes empresas especializadas en compostaxe do estado teñen a vista posta en Pontevedra. Dúas firmas catalanas (ID Waste e Alquienvas), dúas madrileñas (Plastic Omnium e Barca Brand) e unha navarra (Vermican) veñen de presentarse ao concurso da Deputación de Pontevedra para subministrar os 1.500 composteiros individuais de exterior que repartirá a institución provincial ao abeiro do Plan Revitaliza.
O contrato suporá a entrega de 1.300 composteiros de entre 300 e 400 litros (cun prezo máximo de 54,45 euros por unidade) e de 200 de entre 800 e 900 litros de capacidade (cun prezo máximo de 90,75 euros cada un).
Os técnicos da Deputación coñeceron este sábado as propostas na mesa de contratación e elaborarán un informe nas vindeiras semanas analizando se cumpren cos esixentes requisitos solicitados.
Os composteiros individuais de exterior serán repartidos entre os 36 concellos adheridos ao Plan Revitaliza na provincia, que está xa na súa terceira fase.
Estarán destinados a familias que vivan en zonas rurais e dispoñan de horta na que instalalos para tratar mediante compostaxe os seus residuos orgánicos procedentes da cociña (restos cociñados ou sen cociñar de carne, peixe, vexetais, froitas, pan, pasta, arroz, cascas de ovos ou papel de cociña branco, entre outros), e tamén da horta ou do xardín, como vexetais, follas e plantas.