O Concello de Marín poñía en marcha o pasado mes de febreiro o Programa CONVIVE.COMigo, unha iniciativa impulsada pola Asociación Arela e a Xunta de Galicia.
Trátase dun acompañamento para as persoas ou familias convivintes con adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial que lles obrigue a convivir con outra persoa, familia ou grupo educativo. Con este programa desenvólvense procesos de capacitación, valoración, formación e seguimento para afrontar esta nova situación.
Segundo explicaba este luns a concelleira de Benestar Social de Marín, Marián Sanmartín, "xa son dúas unidades familiares as que se interesaron en formar parte do programa".
Tal e como lle trasladou o persoal técnico de Arela a Sanmartín, foron tamén varias as familias que a través da propia asociación se interesaron polo funcionamento do proxecto en Marín, polo que a concelleira agradeceu "a xenerosidade e solidariedade da nosa veciñanza, que sempre participa activamente neste tipo de iniciativas de inserción, fundamentais para construír unha sociedade mellor".
Marián Sanmartín valoraba o alcance deste programa xa que as familias que acollen a estes adolescentes créanlles un ambiente socializador e positivo que lles axudará a modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial, e polo tanto, reducir as posibilidades de que reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
A Asociación Arela ofrece unha formación grupal e individual, asesoramento e acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o adolescente coa familia ou persoa. Dende a páxina web de Arela (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o teléfono da súa sede central (986 21 25 37) ou a través do correo electrónico [email protected]