Dúas naves serán derrubadas para reconstruír a fachada marítima de Vilagarcía

O Salnés
20 de xuño 2022

A demolición prevista despexará unha zona de 3.000 metros cadrados de superficie. A Xunta de Goberno Local adxudicou a redacción do proxecto básico e de execución para o derrubamento de dúas das naves situadas no peirao do Ramal

Zona do Ramal en Vilagarcía de Arousa
Zona do Ramal en Vilagarcía de Arousa / Concello de Vilagarcía de Arousa

Avanza a reconstrución do espazo situado entre a Avenida da Mariña e O Ramal na fachada marítima de Vilagarcía de Arousa. A Xunta de Goberno Local adxudicou a redacción do proxecto básico e de execución para derrubar dúas das naves que se atopan situadas no peirao do Ramal. 

Nesa zona, o Concello de Vilagarcía ten previsto crear unha nova zona pública de recreo para a poboación coa idea de que a vila se abra ao mar na contorna do paseo marítimo e nas proximidades da Praia da Concha.

Este  proecto técnico adxudicábase por 4.235 euros ao arquitecto José M. Millán Armas. Esta operación entre o Concello e a Autoridade Portuaria enmárcase nas negociacións para a compra do solar da Comandancia no que se establecerá o novo centro de saúde de Vilagarcía. 

O acordo establece a compra por 1.885,903 euros da parcela de 6.289 metros cadrados do peirao que se atopa entre o paseo marítimo e a Praia da Concha. Inclúense outros 11.500 metros da zona do Ramal que actualmente se utiliza como aparcamento público e pasa a converterse en terreos de titularidade municipal

O  Concello proxecta dar continuidade ao Parque Miguel Hernández e ás praias urbanas da Concha e Compostela. As dúas naves que está previsto derrubar atópanse na parte do peirao adquirida polo Concello. Trátase de 3.000 metros cadrados aproximadamente, que quedarán despexados para integrarse nesta zona verde, que o goberno local espera afrontar con parte dos fondos europeos da convocatoria dos Next Generation.