Dúas incidencias de tráfico activaron este luns os servizos de emerxencias na comarca do Salnés, deixando un balance de dúas persoas feridas, unha en Cambados e outra en Ribadumia.
En Cambados, unha muller de 74 anos, con iniciais M.R.D., foi evacuada ao Hospital do Salnés cunha dor cervical tras un accidente rexistrado na Avenida de Castrelo.
A intervención contou coa participación do Servizo de Emerxencias de Cambados, a Policía Local e o 061, que se encargou do traslado da ferida en ambulancia.

Pola súa banda, en Ribadumia, unha colisión por alcance entre unha furgoneta e un camión na Autovía do Salnés deixou o condutor da furgoneta atrapado no interior do vehículo.
O impacto, que se produciu minutos despois das dez da mañá deste luns 30 de xuño, mobilizou aos Bombeiros de Ribadumia, a Garda Civil de Tráfico e aos profesionais sanitarios do 061.
Segundo relataron testemuñas no lugar dos feitos, a furgoneta, que transportaba roupa de hostalaría, impactou contra a parte traseira dun camión cargado con area.
A forza do choque fixo necesario o uso de ferramentas de excarceración para liberar o único ocupante da furgoneta, que posteriormente foi trasladado ao Hospital Montecelo, en Pontevedra.
