Dúas rúas do núcleo urbano de Moraña pasan a ser ámbitos "máis amables" para os peóns

Umia
19 de decembro 2022

Moraña está a transformar dous dos principais viarios do seu núcleo urbano con sendas actuacións de reordenación e de recuperación de espazo público para as persoas, que contan co financiamento da Deputación de Pontevedra

Carmela Sílva visita dúas obras en Moraña financiadas pola Deputación
Carmela Sílva visita dúas obras en Moraña financiadas pola Deputación / Deputación de Pontevedra

Moraña está a transformar dous dos principais viarios do seu núcleo urbano con sendas actuacións de reordenación e de recuperación de espazo público para as persoas, que contan co financiamento da Deputación de Pontevedra. 

Deste xeito, está en marcha a humanización da Rúa 6 e o camiño rural de Mos, ao abeiro do Plan ReacPon, con máis do 60% executado, e está xa rematada a humanización e mellora do pavimento da Rúa 7, na que se sitúan varios equipamentos como o colexio, financiada co Plan Concellos.

Os traballos foron visitados este luns pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde José Cela, acompañados de representantes da corporación municipal.

Carmela Silva subliñou o esforzo que está a facer o Concello de Moraña coa elaboración de proxectos que están a presentar e conseguir financiamento a través dos distintos planes provinciais extraordinarios, como foi o caso do Plan de Reequilibrio, que permitiu a creación do Centro Sociocultural, ou o DepoRemse, de mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos na Chan, e agora do ReacPon na Rúa 6. 

"Moraña recibe ademais do Plan Concellos estes recursos porque ten proxectos", sinalou a presidenta. "Desde a Deputación estamos encantados e encantadas de ser unha administración útil aos concellos, especialmente os de menos de 20.000 habitantes, que teñen menos recursos económicos, humanos e técnicos, e é fundamental que a institución achegue financiamento para mellorar as vilas", engadiu.

Pola súa banda, o alcalde de Moraña, José Cela indicou que as actuacións visitadas este luns tiñan como obxectivo "crear unha contorna máis amable" e apuntou que "son dúas obras importantes para Moraña, que melloran a calidade de vida da veciñanza". 

Neste senso, anunciou que o Concello quere seguir ampliando a zona de actuación e darlles continuidade aos traballos na Rúa 1, "e esperamos presentarnos a algún novo plan da Deputación, porque nos permitiría que quede un entorno moi cómodo para pasear e desfrutar de instalacións agradables".

Aproveitando esta visita a presidenta provincial tamén coñeceu o belén artesanal que estes días se expón no Centro Sociocultural, obra das Mulleres Rurais O Menhir de Moraña, a quen felicitou, ao tempo que animou á cidadanía da provincia a visítalo.