Duras críticas a Cidadáns pola polémica do Orgullo LGTBI: "Son un perigo para a democracia"

Pontevedra
15 de xullo 2019

Non sentou nada ben no goberno municipal que Cidadáns tentase trasladar a Pontevedra a polémica polos incidentes que se rexistraron durante a celebración do Orgullo LGTBI en Madrid. "Non é responsable traer este asunto aquí", sinalou a edil Carme da Silva, que se uniu así ás duras críticas realizadas pola socialista Paloma Castro

Goyo Revenga, no pleno municipal no Teatro Principal
Goyo Revenga, no pleno municipal no Teatro Principal / Cristina Saiz

Non sentou nada ben no goberno municipal que Cidadáns tentase trasladar a Pontevedra a polémica polos incidentes que se rexistraron durante a celebración do Orgullo LGTBI en Madrid. "Non é responsable traer este asunto aquí", sinalou a edil Carme da Silva, que se uniu así ás duras críticas realizadas pola socialista Paloma Castro.

Todo foi como consecuencia da moción presentada ante o pleno municipal polo portavoz de Cidadáns en Pontevedra, Goyo Revenga, que esixía unha condena "rotunda" ante a "discriminación ideológica" e as agresións por parte de "radicales violentos" sufridas por membros do seu partido en Madrid durante o Orgullo.

Revenga apuntou que é "intolerable" a apropiación "partidista e ilegítima" dunha celebración que "siempre fue un lugar de tolerancia, respeto y democracia".

O líder de Cidadáns en Pontevedra lamentou que con estes incidentes demostrouse que hai quen pretende "encerrar a otros en el armario" polas súas ideas políticas.

Tras esta intervención, Paloma Castro, responsable de Benestar Social e Igualdade no goberno municipal, cualificou hoxe a Cidadáns como un "perigo para a democracia" e censurou o seu comportamento durante a celebración do Orgullo LGTBI en Madrid.

Castro explicou que a formación que preside Albert Rivera é un "subpartido" que foi crecendo en España a través do seu "neoliberalismo descontrolado" e pola súa aposta pola "provocación" en temas "sensibles" como Cataluña ou a maternidade subrogada e tentando crear "cismas" entre o colectivo LGTBI.

Os pactos de Cidadáns coa ultradereita ou a "caza de bruxas" que emprendeu en Madrid, Andalucía e Valencia son os asuntos que, segundo a concelleira do PSOE, "atentan contra as liberdades" e non ser expulsados dunha manifestación.

O único apoio recibido por Cidadáns foi por parte do Partido Popular, xa que a edil Silvia Junco sinalou que "nadie puede limitar las libertades" e denunciou os "inconcebibles, lamentables e indignantes" incidentes rexistrados na marcha.

Carme da Silva, pola súa banda, pediu en varias ocasións a Cidadáns que retirase esta moción e lembrou que en Pontevedra celebráronse "sen incidentes" manifestacións e festas polo Orgullo, demostrando que a sociedade pontevedresa é "inclusiva e tolerante" e que non acepta a "crispación" xerada polo partido de Albert Rivera en Madrid.