E oito anos e medio despois... rematou o novo depósito de auga do polígono do Campiño

Pontevedra
03 de marzo 2016

A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, e o xerente de Xestur, Jorge Carballeira, asinaron este xoves un documento administrativo co que se recepcionan as obras de ampliación e mellora das instalacións de abastecemento dende a captación do Lérez ata o depósito do polígono do Campiño, así como a construción dun novo depósito de auga no parque empresarial

Polígono do Campiño
Polígono do Campiño / Mónica Patxot

A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Carme da Silva, e o xerente de Xestur, Jorge Carballeira, asinaron este xoves un documento administrativo co que se recepcionan as obras de ampliación e mellora das instalacións de abastecemento dende a captación do Lérez ata o depósito do polígono do Campiño, así como a construción dun novo depósito de auga no parque empresarial. 

Esta entrega das obras pon fin a unha longa tramitación de oito anos e medio que se remonta a un protocolo de colaboración asinado entre o Concello e Xestur en outubro de 2007 e que pasou por varias disolucións das entidades Xestur de cada provincia e pola necesidade de buscas solucións a pequenas deficiencias detectadas polos técnicos municipais nas obras cando xa estaban rematadas. 

O convenio asinouse para a ampliación e mellora das instalacións de abastecemento dende a captación do Lérez ata o depósito do Campiño e construción dun novo depósito de augas. Segundo informa o Concello a través dun comunicado, Xestur asumiu a execución da obra  e o Concello a recepción e mantemento

O concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González, destacou a boa sintonía entre ambas as dúas administracións para levar a cabo esta mellora para o polígono empresarial, a pesares das incidencias involuntarias que tivo o proxecto ao longo de todos estes anos.