E Pontevedra volveu saír á rúa para defender o feminismo

Pontevedra
08 de marzo 2018

Non era unha convocatoria oficial como a celebrada ao mediodía, pero foron moitas as mulleres pontevedresas que repetiron mobilización a última hora da tarde deste xoves poñendo colofón a unha xornada de folga histórica

Marcha feminista polo 8 de marzo en Pontevedra / PontevedraViva

Foi o colofón perfecto a unha xornada histórica, a da folga feminista no Día Internacional da Muller.

Aínda que as convocatorias oficiais, encabezadas na máis numerosa pola CIG e o Colectivo Feminista de Pontevedra, celebráronse na cidade ao mediodía cun espectacular éxito de participación, un gran número de pontevedresas volveu saír á rúa a última hora da tarde deste xoves 8 de marzo.

Ás 20:00 horas, momento no que estaban convocadas marchas pola igualdade noutras localidades galegas, comezou a encherse de xente a Praza da Peregrina, a modo case improvisado.

Nesta ocasión, os asistentes desfilaron nunha pequena marcha por varias rúas do centro da cidade ata terminar cunha concentración na Praza da Ferrería, onde varios colectivos entoaron cánticos e proclamas acompañados de asistentes de todas as idades. 

Así permaneceron ata que o reloxo do santuario da Peregrina marcou as 21:00 horas, momento no que un sonoro aplauso puxo punto e final á protesta, ao día no que Pontevedra elevou a súa voz contra o machismo.