EC Casas acometerá a integración ambiental na contorna da antiga escola unitaria de Tarrío

Poio
17 de xaneiro 2023

O proxecto, do Concello de Poio xa está adxudicado e contará cun orzamento de máis de 90.000 euros, financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Escola infantil de Samieira
Escola infantil de Samieira / Samieira Dixital

A empresa EC Casas será a encargada de acometer o proxecto de integración ambiental na contorna da antiga escola unitaria de Tarrío, na parroquia de Samieira. 

Trátase dunha actuación que servirá para rehabilitar e poñer en valor unha zona cun gran potencial para converterse nun punto de encontro para a veciñanza. 

A adxudicación foi aprobada en Xunta de Goberno cun orzamento que ascende a un total de 91.148 euros.

O financiamento levarase a cabo a través dos fondos obtidos polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. 

A actuación, que dará comezo nas vindeiras semanas, inclúe a renovación de servizos básicos e a rede de pluviais, así como a dotación dunha superficie de empedrado.

No proxecto tamén se inclúe a instalación dun rocódromo e aparellos biosaudables, ademais de diverso mobiliario como bancadas e mesas de pedra. Estes elementos colocaranse en dúas áreas con pavicéspede.