Preto de trinta mil lentes para observar a eclipse solar de 12 de agosto chegarán esta semana aos concellos da provincia de Pontevedra.
Estas lentes, que repartirá a Deputación de Pontevedra, entregaranse nos 42 municipios que forman parte da rede provincial de puntos de observación.
Entre eles, figuran os de Barro, Bueu, Cambados, Cerdedo Cotobade, A Illa de Arousa, Marín, Meis, O Grove, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa.
Trátase de lentes fabricadas en España que cumpren coa norma ESO 12312-2 para a observación solar directa.
Ademais das lentes, a institución provincial tamén repartirá mapas coa rede provincial de puntos singulares con boa visibilidade de observación da eclipse e unha guía para gozar do fenómeno con seguridade.
En liñas xerais, distribuiranse entre 100 e 1.500 lentes por concello, en función das necesidades, ademais de 200 guías (100 en galego e outras 100 en castelán) e 200 mapas (100 en galego e outros 100 en castelán) por cada localidade.
Os materiais estarán tamén ao longo desta semana a disposición das persoas interesadas na oficina do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas.
Esta é unha das medidas incluídas no programa Baixo o ceo das Rías Baixas, unha iniciativa deseñada para transformar a eclipse solar total do 12 de agosto nunha experiencia turística organizada e de calidade na provincia.
Máis aló da eclipse, a Deputación de Pontevedra quere consolidar unha oferta estable vinculada ao astroturismo.
Neste sentido, está a traballar para que diversos enclaves patrimoniais, entre eles o castelo de Soutomaior, obteñan a certificación Starlight, un recoñecemento á calidade do ceo nocturno e ao compromiso coa súa protección.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.