Onde ver a eclipse en Pontevedra e que precaucións hai que tomar

Pontevedra
22 de xullo 2026

O Concello chama a gozar da eclipse do 12 de agosto con todas as medidas de seguridade. Este fenómeno astronómico está a espertar unha enorme expectación

Diana Couselo, David Filgueira, Demetrio Gómez e Daniel Macenlle
Diana Couselo, David Filgueira, Demetrio Gómez e Daniel Macenlle / PontevedraViva

A tarde do próximo 12 de agosto, en plenas Festas da Peregrina, Pontevedra gozará da Batalla de Flores, do concerto de Sidecars, da actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia e da eclipse de sol.

Un fenómeno astronómico que alcanzará na cidade do Lérez unha cobertura do 99,5% do disco solar, o que está a espertar unha enorme expectación.

Así o destacaron este martes o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; Diana Couselo e David Filgueira, da Asociación Astronómica Sirio; e o director xeral de Seguridade do Concello, Daniel Macenlle, durante unha comparecencia na que fixeron un chamamento a gozar do espectáculo, pero tamén a facelo con todas as garantías de seguridade.

"É unha oportunidade única nas nosas vidas para gozar dun fenómeno destas características", subliñou Gómez, quen recoñeceu que o interese cidadán é "enorme".

Como exemplo, sinalou que moitas das persoas que acudiron a recoller o programa das festas preguntaban expresamente polas lentes especiais que se entregan con el para observar a eclipse. Con tal motivo o programa esgotouse.

Con todo, o edil insistiu en que estas lentes deben utilizarse correctamente. "É moi importante seguir as normas para saír desta eclipse con boa saúde e evitar danos na retina, que son irreversibles", advertiu.

Na mesma liña expresouse David Filgueira, da Asociación Astronómica Sirio, entidade sen ánimo de lucro dedicada á divulgación científica e ao estudo do espazo, que organiza observacións astronómicas, charlas e obradoiros e coordina as actividades do Observatorio Astronómico de Cotobade.

O especialista lembrou que as lentes homologadas non están pensadas para mirar ao sol de forma continuada.

"A ninguén se lle debe ocorrer tombarse durante dúas horas observando a eclipse sen apartar a vista. O recomendable é realizar observacións de entre 20 e 30 segundos como máximo e descansar entre elas", explicou.

Filgueira engadiu que as lentes poden compartirse entre varias persoas e que, se se conservan correctamente, poderán reutilizarse nas eclipses previstas para os próximos anos.

Antes de utilizalas é imprescindible comprobar que non presentan roturas, perforacións ou danos, non deben empregarse xunto con prismáticos ou telescopios e os menores sempre deben utilizalas baixo a supervisión dun adulto.

Ademais das lentes especiais, os expertos recomendaron outros sistemas de observación indirecta, como os visores ou as caixas de eclipse.

O Concello puxo a disposición da cidadanía un arquivo descargable en formato PDF coas instrucións para construír unha destas caixas de proxección, acompañadas dun vídeo explicativo. Trátase, indicaron, dun método completamente seguro e especialmente recomendable para os nenos.

Elixir ben o lugar será fundamental

A eclipse coincidirá coas últimas horas da tarde, cando o sol xa estará moi baixo sobre o horizonte oeste. Por iso, os astrónomos insisten en que a elección do lugar desde o que se observará será determinante.

A lúa comezará a ocultar o sol ás 19.32 horas. O momento culminante chegará ao redor das 20.28 horas, cando a ocultación alcanzará o seu máximo, e o fenómeno concluirá cara ás 21.21 horas, practicamente coincidindo coa posta de sol.

Para gozar plenamente do espectáculo será necesario buscar espazos co horizonte occidental completamente despexado, xa que un outeiro, un edificio ou mesmo unha liña de árbores poderían impedir contemplar o momento de maior cobertura.

Os especialistas tamén aconsellan consultar previamente mapas de sombras para escoller o mellor emprazamento e evitar desprazamentos de última hora.

Evitar o monte e a contorna de Montecelo

O director xeral de Seguridade do Concello, Daniel Macenlle, lembrou que a xornada coincidirá con algúns dos actos máis multitudinarios das Festas da Peregrina, o que incrementará notablemente a presenza de persoas e vehículos na cidade.

Por este motivo, desaconsellou acudir a parques forestais ou zonas de monte para seguir a eclipse.

"Estamos no verán e existe risco de incendio. Ademais, esas pistas forestais non están preparadas para unha afluencia masiva de persoas e poderían quedar bloqueadas, dificultando tanto a evacuación como o acceso dos servizos de emerxencia", explicou.

Tamén pediu evitar a contorna do Hospital Montecelo, xa que unha gran concentración de público podería afectar o funcionamento do complexo sanitario, especialmente dos servizos de urxencias.

Outra das advertencias refírese á autoestrada AP-9. Macenlle lembrou que está terminantemente prohibido deterse na ponte sobre a ría para observar a eclipse, unha conduta que xa se produciu durante os fogos artificiais da Peregrina e que supón un grave risco para a seguridade viaria.

A pesar destas recomendacións, o Demetrio Gómez quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade.

"Hai moitísimos lugares desde onde se poderá ver. Será unha actividade moi bonita para gozar en familia, cos amigos ou cos veciños. Cada un pode escoller o recuncho que máis lle guste porque, aínda que non veremos unha eclipse total, desde practicamente toda a cidade poderemos contemplar un espectáculo extraordinario", sentenciou.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora