Estrea dunha web informativa en Pontevedra para seguir de xeito seguro a eclipse solar

Pontevedra
14 de xullo 2026

O portal ofrece pautas de protección ocular e os datos técnicos para observar o fenómeno que terá lugar o 12 de agosto e acadará o 99,58% de ocultación

Xornada formativa para contemplar a eclipse solar
Xornada formativa para contemplar a eclipse solar / Cristina Saiz

Un espazo dixital oficial deseñado para informar sobre a eclipse solar do mércores 12 de agosto entrará en funcionamento da man do Concello de Pontevedra.

plataforma en liña facilita á poboación o acceso ás recomendacións de seguridade e aos datos prácticos necesarios para realizar o seguimento dun fenómeno astronómico que situará a cidade nunha posición xeográfica moi favorable para a súa observación en Galicia.

O contido do portal céntrase de maneira prioritaria na prevención de accidentes oculares. Mirar directamente o Sol sen filtros homologados baixo a norma ISO 12312-2 causa lesións graves e irreversibles na retina.

Para previr estes riscos, a páxina web pon á disposición do público un modelo recortable para elaborar unha caixa de proxección estenopeica, acompañada dun vídeo explicativo para fabricar un visor seguro no propio fogar.

O proceso astronómico sucederá durante o serán, co Sol situado a escasa altura sobre o horizonte oeste.

A fase inicial comezará ás 19:32 horas e o momento de maior escuridade rexistrarase ás 20:29 horas, cando a diminución de luz e a baixada de temperatura simularán un solpor anticipado. O proceso dará por concluído ás 21:23 horas, momentos antes de que o Sol se oculte de xeito definitivo sobre a ría de Pontevedra.

Esta cita astronómica supón o inicio do ciclo coñecido como Trío Ibérico de Eclipses, que traerá outros dous eventos de carácter parcial nos veráns de 2027 e 2028, con taxas de ocultación na cidade do 77% e do 72% respectivamente. A xornada do 12 de agosto coincidirá tamén co período de maior actividade da choiva de meteoros das Perseidas.

O novo portal inclúe ligazóns directas a organismos oficiais encargados do seguimento científico do evento, como o Instituto Xeográfico Nacional, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.

Respecto aos consellos de observación, é necesario lembrr que só se debe mirar o Sol de forma indirecta por proxección ou mediante o uso de filtros específicos homologados.

Queda totalmente desaconsellado o uso de lentes de sol habituais, radiografías ou películas veladas, así como observar o Sol de xeito directo a través de prismáticos, telescopios ou cámaras fotográficas que non dispoñan dos dispositivos de filtrado axeitados instalados na parte frontal do aparello.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora