Preparado o dispositivo de seguridade para a eclipse solar do 12 de agosto

Pontevedra
15 de xullo 2026

A Subdelegación do Goberno planifica os accesos e a mobilidade ante a previsión dunha gran afluencia nos puntos de observación de Meis, O Porriño e Silleda

Abel Losada presidiu a reunión para planificar as medidas de seguridade relacionadas coa eclipse solar
Abel Losada presidiu a reunión para planificar as medidas de seguridade relacionadas coa eclipse solar / Subdelegación do Goberno

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra puxo en marcha a coordinación do dispositivo de seguridade, mobilidade e emerxencias para a eclipse solar total que ocorrerá o próximo 12 de agosto.

O subdelegado, Abel Losada, presidiu este mércores unha reunión de traballo destinada a xestionar a chegada de visitantes prevista para observar este fenómeno astronómico na provincia.

O encontro contou coa participación da Policía Nacional, a Garda Civil, o Subsector de Tráfico, Protección Civil, Turismo de Galicia e o Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia.

Á reunión tamén acudiron representantes dos municipios de Meis, O Porriño e Silleda, onde se sitúan os espazos recomendados para o seguimento da eclipse.

As pautas de actuación, integradas no Plan Especial de Seguridade da Secretaría de Estado de Seguridade, centraranse na regulación dos accesos ás zonas de observación, o control das aglomeracións e a prevención de incendios forestais.

O operativo contempla o reforzo dos axentes nos puntos de maior afluencia, a protección das infraestruturas de transporte e a difusión de medidas preventivas para a poboación, entre as que destaca o uso de lentes homologadas para evitar danos oculares durante a observación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora