Ecoloxistas acusan á Xunta de deixar "desamparados" a centos de polos de gaivota na vaga de calor

Pontevedra
16 de xullo 2022

A entidade ecoloxista Adega denuncia que a Xunta non está a aplicar ningún protocolo de recollida, recepción e solta, nin tampouco está a facer inventario dos polos de gaivota e paxaros extraviados pola onda de calor

Niño de gaivota nun tellado do centro da cidade
Niño de gaivota nun tellado do centro da cidade

Nos últimos tres días a organización ecoloxista Adega recibiu varios avisos de alerta polo abatemento de polos ou crías de gaivota que caen dos tellados e das cubertas dos edificios, logo de saír dos seus niños intentando escapar do intenso calor. 

Desde Adega alertaron desta situación á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia "para que o antes posible promova medidas de prevención para evitar a perda das poboacións de gaivota en ámbitos urbanos por efectos do calor". 

"Vimos de constatar que o número de aves abatidas está a ser moi alto, superando o cento diario, e que ademais a Administración non está aplicar ningún tipo de protocolo específico de recollida, recepción e solta, mesmo obrigando aos cidadáns a facerse cargo do traslado dos polos aos centros de recuperación, e sen garantías de que estes vaian ser atendidos", denuncia este colectivo.

Desde ADEGA reclaman á Xunta "que poña solución a esta situación caótica e absolutamente lamentable" que pon en risco de morte a centos de polos, nomeadamente, das aves que crían nos tellados dos edificios de vilas e cidades e que son "especialmente vulnerables". 

Tamén demandan "a creación dun protocolo e dun dispositivo específico de emerxencia" que actúe "con celeridade e profesionalidade" no rescate de crías e paxaros abatidos, así como dotar aos centros de recuperación de fauna de Galicia dos recursos necesarios, tanto persoais como materiais, para poder abordar este tipo de emerxencias.

Por último, consideran "imprescindible" que a Xunta, en colaboración cos concellos, ofreza información á cidadanía sobre como actuar e a onde acudir en caso de atoparse con aves ou paxaros extraviados polo impacto do calor.