A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra adxudicou este martes á empresa Construcciones Ediserpo o proxecto reformado da denominada "zona verde de Pasarón", é dicir, o solar de 3.500 metros cadrados comprendido entre o estadio e a avenida da Coruña que se utiliza como espazo de aparcadoiro.
A reforma adxudicouse en 169.228 euros, o que supón unha baixa dun 30% respecto da cantidade inicialmente orzada que era duns 241.000 euros.
Como melloras a empresa Ediserpo ofreceu a reposición do pavimento no cruzamento da rúa Luís Otero e no camiño que discorre paralelo á bancada Sur.
O deseño elaborado polos técnicos municipais para este ámbito distribúe o espazo en tres partes diferenciadas, nas que se mantén unha franxa de aparcadoiro xunto cunha parte axardinada na que se inclúe unha senda peonil.