Eduardo Barros, novo presidente en funcións da Cámara: "No vengo aquí a calentar un sillón, vengo a trabajar"

Pontevedra
22 de febreiro 2013

Tras ser escollido no pleno de anoite como vicepresidente primeiro da Cámara de Comercio, o empresario Eduardo Barros liderará agora a Cámara de Comercio pontevedresa coa intención de buscar a unión dentro da entidade e esquecer os procesos xudiciais nos que está inmersa

O empresario Eduardo Barros exerce xa como novo presidente en funcións da Cámara de Comercio tras ser proclamado vicepresidente primeiro polo pleno da entidade. Afirma que asume este cargo ata que se aprobe a nova Lei de Cámaras que permita a celebración de eleccións porque non había ningún outro candidato e non estaba disposto a que unha institución con máis dun século de vida puidese enfrontarse a unha posible desaparición.

Acompañado de tres membros do comité executivo, entre eles José Manuel Seoane, Eduardo Barros incidiu en que chega á Cámara para traballar duro e con confianza no equipo que o rodea. "Muchos piensan que estoy loco" afirmou, "tengo todas las opiniones en contra pero no me importa. Sé lo que tengo que hacer". O empresario indicou que se abre unha nova etapa: "no vengo aquí a calentar un sillón, vengo a trabajar" e en relación cos procesos xudiciais nos que a entidade cameral están inmersa indicou que "el juzgado dirá y acataremos la ley".

O seu proxecto vaise centrar no emprendemento, a internacionalización, a mediación e a formación. E nese sentido, afirmou que intentará manter as feiras de Pomovil e Ferpalia sen descartar a recuperación doutras como Pontus Veteris: "se haran todas las que se puedan".

En relación a que ao pleno da súa elección só acudisen 16 dos 26 membros convocados, Eduardo Barros sinalou que nun grupo tan amplo sempre se producen controversias pero asegurou sentirse avalado no cargo. En canto á situación dos traballadores da Cámara, o novo responsable indicou que todos están a facer un esforzo importante e que se tiveron que reducir soldos como o da secretaria Charo Lorenzo nun 50%.