Plantación de árbores e plantas aromáticas coa primeira produción de compost do barrio, música e animación de rúa, xogos e obradoiros infantís e reparto de compost. Así foi a primeira "Festa da Compostaxe" organizada polo Concello na contorna do composteiro comunitario de Eduardo Pondal.
A Concellería de Servizos celebrou con esta festa a produción do primeiro compost no centro urbano, ao tempo que lanzaba a mensaxe de que "o da compostaxe é un camiño que non ten volta atrás".
Aqueles veciños que así o quixeron puideron recoller compost para o seu uso.
O primeiro composteiro comunitario de Eduardo Pondal comezou a funcionar con moita polémica veciñal o 7 de marzo deste ano e o 26 de abril tivo que ser pechado ao estar cheo. As previsións de uso desbordáronse, ao tempo que entraron en funcionamento dúas novas centrais de recollida e tratamento de biorresiduos no barrio: un no Camiño de Ferro e outra na praza de Ponte Boleira.
Hoxe en día, deixando a un lado os centros de compostaxe da Brilat e Cidade Infantil Príncipe Felipe (de uso exclusivo desas dependencias) hai 10 composteiros comunitarios funcionando na área urbana: son os das rúas Alemaña e Italia e a praza de Europa no barrio de Monte Porreiro, instalados nunha primeira fase; máis os instalados no campus universitario, en San Brais e os tres do barrio de Eduardo Pondal-O Gorgullón.
Frente a rexeitamento que suscitou esta instalación entre unha parte da cidadanía o goberno municipal de Pontevedra destaca o ritmo "elevadísimo" de uso que, ao seu xuízo, fala do "interese da veciñanza" polo sistema alternativo de tratamento dos biorresiduos que impulsa o Concello e tamén do seu "compromiso" xa que a separación en orixe do lixo é "perfecta" o que está a xerar un compost da máxima calidade (clase A).
Axentes da Policía Local de Pontevedra aproveitaron o evento para visibilizar o conflito laboral que manteñen co goberno municipal pola revisión da Relación de Postos de Traballo (RTP) e as retribucións salariais a ela asociadas.