Eduardo Pondal celebrará cunha festa a súa primeira produción de compost

Pontevedra
08 de maio 2018

Na tarde do venres 25 de maio, veciños e residentes da rúa Eduardo Pondal están convidados a participar nunha festa que organiza o Concello de Pontevedra para celebrar a primeira produción de compost saída dos composteiros comunitarios instalados nesta zona

Composteiro en Eduardo Pondal
Composteiro en Eduardo Pondal / Clara Alonso

Na tarde do venres 25 de maio, veciños e residentes da rúa Eduardo Pondal están convidados a participar nunha festa que organiza o concello de Pontevedra para celebrar a primeira produción de compost saída dos composteiros comunitarios instalados nesta zona.

A concelleira responsable do plan de compostaxe municipal, Carme da Silva, informou que un dos composteiros comunitarios está pechado producindo compost en todos os seus módulos mentres que o segundo, situado na parte baixa da rúa, xa ten tres módulos cheos e "vai a unha velocidade enorme".

Como "en breve" estará dispoñible o primeiro compost, o goberno local está a organizar unha festa "como agradecemento a todas as persoas que participan" neste proceso, expresamente "aos nenos e ás nenas", dixo a concelleira.

A festa incluirá a plantación de árbores e plantas, ademais de actividades lúdicas relacionadas coa reciclaxe. Aproveitando a ocasión arranxaranse os xardíns onde están situados os composteiros.

Carme da Silva explicou que o 17 de maio celébrase o Día Mundial do Reciclaxe pero a coincidencia co Día das Letras Galegas levou a trasladar a outra data as actividades destinadas a concienciar á sociedade acerca da importancia que ten tratar os refugallos como corresponden, para non contribuír ao cambio climático, e así protexer o medio ambiente.