Eduardo Pondal recupera a tradición do Apalpador

Pontevedra
28 de decembro 2014

A Asociación de Veciños Eduardo Pondal programou este sábado a chegada do Apalpador para que dera unha volta por todo o barrio acompañado dos gaiteiros da asociación. Máis tarde asistiu á proxección do documental 'E ha de vir o apalpador', realizado pola asociación Gentalha do Pichel

Visita do Apalpador a Eduardo Pondal e O Gorgullón
Visita do Apalpador a Eduardo Pondal e O Gorgullón / Diego Torrado

A Asociación de Veciños Eduardo Pondal segue a cumprir co seu compromiso de potenciar as costumes e festas tradicionais de Galicia e polo Nadal non podía deixar de rendir homenaxe á figura do apalpador, carboeiro que nestas datas baixa do monte para apalpar as barrigas dos nenos e darlles castañas.

Dentro desa recuperación e promoción da cultura galega, este sábado 27 de decembro programaron a chegada do apalpador para que dera unha volta por todo o barrio acompañado dos gaiteiros da asociación.

O apalpador percorreu varias rúas para recalar no Centro Social do Gorgullón e asistir á proxección do documental 'E ha de vir o apalpador', realizado pola asociación Gentalha do Pichel.

A festa rematou, como é habitual nestas datas, con comida. Os veciños obsequiaron ao visitante cuns pinchos de Nadal antes de decirlle un 'ata logo' á espera de velo o vindeiro decembro.

O apalpador tamén visitará este ano a Casa Azul da man da Asociación de Nenas e Nenos con Diabete de Galicia (Anedia)A visita será o martes 30 de decembro pola tarde e forma parte da programación da actividades realizada por Anedia na recta final do ano para seguir a reinvidicar maior conciencia sobre a diabete en idade infantil e reclamar da Xunta un protocolo de atención para escolares con diabete.