A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar a realización de diversas melloras nos colexios públicos A Pedra e Montemogos, no Concello de Bueu, cun investimento de case 90.000 euros orientada á modernización dos seus servizos.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, do xefe territorial de Educación, César Pérez, e doutros representantes municipais e educativos supervisou este venres as obras de renovación integral dos aseos no CEIP Plurilingüe A Pedra, que tiveron un orzamento de case 48.000 euros.
Este colexio carecía de cuartos de baño propios nas aulas de Educación Infantil e os existentes tiñan algunhas eivas, posto que databan da construción do propio centro. Por este motivo, procedeuse á modernización dos aseos de dúas plantas coa substitución do solo, o cambio das redes e canalizacións, a colocación de novos lavabos e a habilitación dunha porta de comunicación directa desde as aulas de Educación Infantil.
Por outra banda, a consellería vén de rematar tamén noutro colexio público deste municipio do Morrazo, o CEIP Montemogos, unha obra consistente nunha reforma de espazos e a instalación dun ascensor para favorecer a accesibilidade cunha partida de máis de 40.000 euros.
Anteriormente, neste centro acometéronse obras de mellora da fontanaría, a carpintaría e as baixantes.
"Só no municipio de Bueu, levamos investido máis de 2,2 millóns de euros nos últimos anos nos seus colexios e institutos para que todo estea nas melloras condicións para a aprendizaxe e a formación", manifestou o delegado territorial.