Educación activa medidas urxentes tras o incendio no comedor do CEIP de Tenorio

Cerdedo Cotobade
12 de febreiro 2026
Actualizado: 19:01

A Xunta prevé que o CEIP de Tenorio retome as clases tras o Entroido despois do incendio que afectou ao almacén do comedor

O incendio que afectou ao comedor do colexio
O incendio que afectou ao comedor do colexio / Xunta de Galicia

O Colexio Plurilingüe de Tenorio podería recuperar a actividade lectiva tras as vacacións de Entroido, segundo avanzou este xoves o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao centro acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

O encontro produciuse un día despois do incendio que afectou ao comedor do colexio.

A Xunta activou xa distintas medidas co obxectivo de minimizar as consecuencias do lume e acelerar a volta á normalidade. A Unidade Técnica da Consellería está a avaliar estes días o impacto do incendio no edificio, aproveitando a ausencia de actividade lectiva durante o período festivo.

Segundo explicou o conselleiro, será o resultado destes informes o que determine se é preciso acometer algunha actuación estrutural ou obra de mellora.

O incendio afectou principalmente á zona do almacén do comedor, un espazo engadido á estrutura orixinal do inmoble.

As causas do suceso están a ser investigadas pola Garda Civil e a Policía Xudicial, que continúan coas dilixencias para esclarecer o ocorrido.

Aínda que os danos directos se concentraron nesa área concreta, o fume e a cinza estendéronse polo conxunto das instalacións, o que obrigará a contratar de maneira urxente un servizo de limpeza integral antes de retomar as clases.

En canto ao servizo de comedor, a Consellería prevé habilitar de forma provisional un sistema de cátering que funcionará nun espazo acondicionado no segundo andar do centro, mentres a cociña non poida volver estar operativa.

Esta solución permitirá tamén atender ao alumnado do Instituto de Cotobade, que habitualmente se despraza ata o colexio para xantar, evitando así novos traslados.

Visita do conselleiro ao colexio de Tenorio despois do incendio
Visita do conselleiro ao colexio de Tenorio despois do incendio    Xunta de Galicia

O centro fora obxecto dunha rehabilitación integral en 2019, cun investimento superior aos 500.000 euros.

Aquelas actuacións incluíron a substitución de fiestras, persianas e falsos teitos, a instalación de iluminación LED, melloras na calefacción e a renovación de canlóns, entre outras intervencións destinadas a modernizar e mellorar a eficiencia das instalacións.