Educación activa o protocolo de acoso escolar por un caso no IES de Poio

Poio
04 de novembro 2025
Actualizado: 14:43

As autoridades acordaron medidas de protección á vítima. A investigación, segundo confirman fontes oficiais, centraríase na conduta de varios alumnos con este menor

IES de Poio
IES de Poio / Xunta de Galicia

Os pais dun estudante do IES de Poio presentaron unha denuncia ante a Garda Civil para alertar de acoso escolar que, segundo o seu relato, está a sufrir o seu fillo no centro.

Fontes oficiais confirmaron a PontevedraViva que a Garda Civil abriu unha investigación e desde a Consellería de Educación activaron o protocolo de acoso escolar.

Por agora, non transcenderon detalles concretos sobre o caso nin sobre as circunstancias do presunto acoso. Iso si, acordáronse medidas de protección á vítima.

A investigación centraríase na conduta de varios alumnos con este menor.

Educación explicou que, tras ter coñecemento deste episodio, ademais de contactar coas autoridades trasladouse o asunto aos servizos sociais.

"Tanto o centro como a inspección educativa están actuado de acordo co protocolo establecido para solucionar esta situación canto antes", subliña a consellería.

A Xunta de Galicia, reiteran desde Educación, ten "tolerancia cero" ante este tipo de condutas e apelan ao "compromiso colectivo" de toda a comunidade educativa para erradicalas.

Estes comportamentos "contrarios á convivencia", sentencian os responsables educativos, non son aceptables e ante calquera caso que se produza "hai que actuar con eficacia e dilixencia".

O IES de Poio é un dos centros educativos de referencia da área de Pontevedra. Nestes momentos conta con preto de medio milleiro de alumnos repartidos entre ESO, Bacharelato e FP.