Educación autoriza que os recreos dos colexios Froebel e Doroteas sexan na rúa Alfonso XIII

Pontevedra
09 de novembro 2020

A hora do recreo nos colexios Froebel e Doroteas será, se así o deciden os seus responsables, na rúa Alfonso XIII. Esta medida adóptase pola situación da pandemia en Galicia e ante os problemas de espazo que teñen ambos os centros para cumprir cos protocolos

Rúa Alfonso XIII, Pontevedra
Rúa Alfonso XIII, Pontevedra / Mónica Patxot

A hora do recreo nos colexios Froebel e Doroteas será, se así o deciden os seus responsables, na rúa Alfonso XIII. Esta medida adóptase pola situación da pandemia en Galicia e ante os problemas de espazo que teñen ambos os centros para cumprir cos protocolos.

As autoridades educativas, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, emitiu un informe favorable a esta decisión e, tras este permiso, o Concello aprobou definitivamente esta proposta.

Alfonso XIII pasará a estar cortada ao tráfico durante o recreo dos dous colexios, entre as 11:30 e as 12:15 horas. Só poderán acceder os residentes.

"É unha proposta lóxica que entra dentro da estratexia municipal para a posta a disposición do espazo público para garantir a seguridade nos recreos", defendeu o Concello.

Na rúa habilitarase un espazo duns 800 metros cadrados, aos que se sumarán outros 400 metros cadrados na praza de Concepción Arenal. Estas zonas estarán delimitadas por cintas de balizamento e utilizaranse os pivotes e os farois para perimetrar o espazo.

O tráfico peonil por esta rúa, aclara Anabel Gulías, estará garantido a través de pasos habilitados nos extremos do vial.

Cada día os colexios terán que comunicar se fan uso do espazo público para os recreos, de forma que se poida delimitar a rúa con elementos físicos.