Educación enviará ao Concello de Pontevedra o proxecto de ampliación do Carlos Oroza "cando estea rematado"

Pontevedra
09 de outubro 2014

A Consellería está a redactar o proxecto de ampliación de espazos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra

Despedida dos 11 alumnos que farán as súas prácticas en Múnic
Despedida dos 11 alumnos que farán as súas prácticas en Múnic

O xefe territorial de Cultura e Educación de Pontevedra, César Pérez Ares, asegurou este xoves que a Consellería está a redactar o proxecto de ampliación de espazos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, "e cando estea rematado será remitido ao concello para a solicitude de licenza municipal".

Nestes intres, segundo apuntou o xefe territorial, xa se enviou á Consellería de Educación a ficha de novas necesidades do centro educativo a través da cal se está xa a elaborar o anteproxecto para o encaixe dos novos espazos do Carlos Oroza. "Esta é a razón pola que aínda non pode ter o concello o proxecto nas súas mans, porque aínda se está a redactar", engadiu Pérez Ares.

Neste senso, dende a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra recórdaselle ao concelleiro de Educación da capital da provincia que "a Xunta ten unha aposta seria e responsable a prol do Carlos Oroza", matizando que se levaron a cabo xa obras de mellora neste centro tanto en relación coas beirarrúas, alumeado, asfaltado, habilitación de 40 prazas de aparcamento, reforma do parque exterior, reordenación de espazos e mellora da cuberta.

"Apostamos por unha formación profesional de calidade que se pode contemplar a través da posta en marcha de dous novos ciclos superiores neste centro así como de outros catro ciclos de FP dual", matizou Pérez Ares, quen avanzou que neste senso, precisamente hoxe foi o acto de despedida dos 11 alumnos destes ciclos que farán as súas prácticas en Múnic nos próximos meses.

"Lamentamos que o señor Fernández non sexa coñecedor deste feito e, polo tanto, do investimento e aposta da Xunta pola FP en Pontevedra", engadiu o xefe territorial quen engadiu que "de tódolos xeitos, agradecemos a colaboración do concello de Pontevedra no mantemento dos colexios da localidade, como tamén agradecemos esta labor ao resto de concellos da provincia. Sen embargo, hai que recordar que moitas das obras que tivemos que facer dende a administración autonómica debéronse á falta de mantemento dos centros, como ocorreu no caso do propio colexio Froebel".