Ata o 18 de maio. Unha semana terá de prazo todos aqueles pais e nais que non puideron presentar a solicitude de admisión para que os seus fillos estuden nun centro escolar determinado para o curso 2020-2021.
Desde este luns, Educación reabre o prazo durante estes sete días, para recuperar o período que estivo suspendido, tras comezar o 1 de marzo, pola declaración do estado de alarma dúas semanas despois.
Este período vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil, así como para os de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.
Xunto con esta ampliación, Educación avanza que axustará as distintas fases do proceso para procurar a súa tramitación coa maior brevidade.
Así, as listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído publicaranse ata o 9 de xuño e as definitivas ata o 26 de xuño.
O prazo ordinario de formalización de matrícula para todas as ensinanzas irá do 1 ao 10 de xullo e o extraordinario, para Secundaria e Bacharelato, do 1 ao 10 de setembro.
As solicitudes de admisión poderán presentarse, preferentemente, de xeito telemático na aplicación ‘admisionalumnado’, ou de xeito presencial nos centros escolares.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.