Edugal abre as súas portas como unha "mostra de oportunidades" para os mozos galegos

Pontevedra
17 de febreiro 2016

O quinto Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal) mostrará aos estudantes galegos, ata o venres 19 de febreiro no Recinto Feiral de Pontevedra, diferentes opcións formativas e profesionais 

Quinto Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal)
Quinto Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal) / PontevedraViva

O quinto Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal) abriu este mércores as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra para mostrar diferentes opcións formativas e saídas laborais aos mozos galegos.

O presidente da Asociación de Empresarios de Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra (Aempe), José María Corujo, explicou na inauguración do salón que o evento se presenta coa "renovada esperanza de achegar ese punto de inflexión entre o mundo da educación, da formación e o mundo do traballo".

"É unha mostra de oportunidades, todos os asistentes deben espremer este días ao máximo" completou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, no seu discurso.

Edugal presenta un intenso programa de actividades e obradoiros ata o vindeiro venres 19 de febreiro.

En total instaláronse no Recinto Feiral 40 stands, polos que pasarán alumnos dos centros educativos de Pontevedra e comarca.