Egeria: a primeira viaxeira, muller e galega

Pontevedra
09 de marzo 2020

Así Egeria, muller, viaxeira, narradora, pioneira e para máis acenos, galega, narra e fai partícipe a quen se aventure a ler as súas cartas, o marabilloso e arriscado periplo, desde a antiga Gallaecia, ata Terra Santa

Lembrando á viaxeira galega Egeria
Lembrando á viaxeira galega Egeria / Marga Diaz

Na historia da viaxe e no seu desenvolvemento, practicamente todo o mundo coñece como gran divulgador ao veneciano Marco Polo. A través de Il Milione, o seu libro de viaxes, aínda que non escrito por el, senón por Rustichello o seu compañeiro de cela que se supón anotaba os relatos que o comerciante viaxeiro lle narraba, moitos lectores abriron os ollos a un Universo practicamente descoñecido: da súa viaxe polo roteiro da Seda, el lembraba non só paisaxes e costumes do mundo tan diferente que percorrera, senón seres estraños e raros prodixios. Fantasías? Talvez, ou quizais non, quizais animais nunca antes vistos polo mundo occidental, que na súa nova imaxinación e ignorancia inicial el confundía con seres  mitológicos. Quizais os estraños rinocerontes asiáticos terían moito que ver cos Unicornios que dicía ver o veneciano. O caso é que Marco Polo cos seus marabillosos relatos converteuse por moitos anos no auténtico referente da cultura viaxeira. Logo viñeron os grandes exploradores: Alexander v.  Humboldt, James Cook, Livingstone… ata aí todo correcto.

Con todo, a historia da viaxe evidéncianos que esa orixe aventureira e afán narrativo é moi anterior a todos eles, mesmo a Marco Polo, e que xa no século IV houbo unha persoa que, en verdade, se podería considerar a auténtica precursora da narrativa viaxeira. Egeria, que así se chamaba, non gozou de tanta fama como os seus compañeiros de afección, quedando ata fai moi pouco nese lugar que, a diario, lle correspondeu sempre a esa clase de persoas que eran pioneiras nos seus campos pero adoecían do pequeno "defecto" de ser mulleres: o esquecemento.

Así Egeria, muller, viaxeira, narradora, pioneira e para máis acenos, galega, narra e fai partícipe a quen se aventure a ler as súas cartas, o marabilloso e arriscado periplo, desde a antiga Gallaecia, ata Terra Santa.

A Egeria, supoñíaselle monxa ou abadesa, talvez polo nome que deu aos seus manuscritos: "Itinerarium ad Tola Sancta" aínda que hoxe se cuestione ese dato. Relixiosa, piadosa, abadesa ou non… o que importa é que Egeria non só era ousada e curiosa senón astuta e moi intelixente, capaz de cuestionarse todo o que oía e lle contaban. Nas súas cartas móstrase ás veces escéptica con certas crenzas. Un episodio coñecido é cando lle mostra o bispo de Segor o lugar onde segundo as Escrituras, Edith, muller de Lot, converteuse en estatua de sal en castigo pola súa curiosidade. Algo que cuestiona Egeria con certa ironía escribindo: "Pero crédeme, cando nós inspeccionamos a paraxe non vimos a estatua de sal por ningunha parte, para que imos enganarnos". Porque con toda seguridade para Egeria a curiosidade era unha virtude que non debía desdeñar.

Outras viaxeiras foron visionarias e adiantadas para unhas épocas nas que a cultura patriarcal deixaba relegadas ás mulleres á vida dependente de maridos e pais. May French Sheldon, escritora e exploradora, que encabezou a primeira expedición ao Kilimanjaro cunha muller á fronte; Hester Stanhope, escritora que viaxou polo deserto recollendo as súas experiencias no libro "Viaxe a Oriente" ou xa no século XX Amelia Earhart, a aviadora que quixo dar a volta ao mundo.

Aínda que é certo que todas elas espertaron tamén a admiración de quen vía a súa vida como un referente dun incipiente feminismo, o certo é que a sociedade as mantivo nun inxusto anonimato nunhas épocas nas que a súa curiosidade e espírito aventureiro víase como un pequeno defecto da caprichosa conduta propia do carácter feminino ou mesmo en moitos casos, unha absurda obsesión de estúpidas e necias.

O caso é que Egeria, a galega viaxeira xa rescatada do esquecemento represéntaas a todas elas, mulleres valentes, intelixentes, decididas  trasgresoras duns valores que asignados desde o máis escuro sistema patriarcal relegaban á muller ao papel de compañeira fiel, limitando a súa independencia e anulando o seu talento. Egeria é o aventureira pero tamén a escritora, a científica, a pintora ou a investigadora. É a Amelia Earhart, a Margarita Salgas, a Rosalía de Castro, a Clara Peeters e porque non, a Rebeca Atencia, tamén investigadora, aventureira, galega e muller.

Marga Díaz http://viajesvagalume.blogspot.com/