'El Chicle', sometido a unha avaliación pericial na Parda

Pontevedra
15 de marzo 2018
Actualizado: 14:38

José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'El Chicle', en prisión provisional pola desaparición e morte de Diana Quer, foi trasladado este xoves desde o cárcere da Lama ata o edificio xudicial da Parda

'El Chicle' abandona os xulgados da Parda entre protestas dos funcionarios en folga / PontevedraViva

José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'El Chicle', en prisión provisional pola desaparición e morte de Diana Quer, foi trasladado este xoves desde o cárcere da Lama ata o edificio xudicial da Parda para ser sometido a unha avaliación pericial. 

Chegou á sede xudicial pontevedresa ás 9.00 horas e permaneceu máis de catro horas no interior, ata as 13:15 horas. El Chicle foi trasladado para que poidan practicarlle unha proba pericial nas dependencias do equipo psicosocial do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), pero ningunha das fontes consultadas puideron concretar de que tipo de proba forense se trata. 

O edificio xudicial de Pontevedra é a sede máis próxima á prisión da Lama, onde foi trasladado o pasado mes de xaneiro desde o penal de Teixeiro por cuestións de seguridade

Fontes consultadas por PontevedraViva indicaron que é xa, polo menos, a segunda vez que trasladan a El Chicle á sede do Imelga en Pontevedra, de modo que o trasladado deste xoves serviu para completar os informes xa realizados.

As instalacións do Imelga están no soto do edificio da Parda, pero Abuín Gey estivo no terceiro piso da sede xudicial, onde traballa o equipo psicosocial.

O traslado produciuse con total segredo, de modo que nin sequera transcendeu por que causa se produce. Todo apunta a que ten relación co proceso aberto no Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira (A Coruña) pola desaparición e morte da moza madrileña o 22 de agosto de 2015 na Pobra do Caramiñal, pero hai posibilidade de que tamén teña algo que ver con outros procedementos.

El Chicle tamén ten outra causa aberta noutra sala, o Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira, polo intento de rapto dunha moza en Boiro o pasado día de Nadal de 2017. Precisamente, ese feito foi o que precipitou a detención de Abuín Gey, que xa levaba meses como principal sospeitoso da desaparición de Diana Quer, e a súa posterior confesión sobre o lugar no que mantivo escondido o cadáver de Diana Quer durante 500 días, no fondo dun pozo dunha nave abandonada en Rianxo.

José Enrique Abuín permanece na prisión da Lama desde o pasado 10 de xaneiro. O día 1 de xaneiro ingresou en prisión provisional pola desaparición e morte de Diana Quer e polo intento de rapto dunha moza de Boiro e foi trasladado á prisión coruñesa de Teixeiro, pero desde alí foi trasladado ao penal pontevedrés.

Na Lama permanece ingresado no módulo de Enfermería, onde existe unha cela individual acristalada na que está vixiado de forma permanente. Ademais, estáselle aplicando o protocolo de prevención de suicidios que xa tiña activado en Teixeiro desde o pasado venres 5 de xaneiro e que implica que está permanentemente acompañado por unha preso 'sombra'.

O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira investiga a 'El Chicle' polos presuntos delitos de homicidio/asasinato, detención ilegal e contra a liberdade sexual en relación co caso de Diana Quer e o Xulgado de Instrución número 2 segue contra el outra causa polos presuntos delitos de detención ilegal, roubo con violencia e intimidación, lesións e contra a liberdade sexual en relación cos sucesos de Boiro.